«Xentilicio de Sanxenxo: sanxenxeiro»

Marcos Gago Otero
marcos gago PONTEVEDRA / LA VOZ

SANXENXO

Un libro adicado aos xentilicios trata de poñer orde na confusión que xurde da improvisación dos últimos anos

14 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O traballo Os xentilicios de Galicia profundiza nos nomes dos veciños naturais de cada concello nas catro provincias galegas e nas comarcas de fóra onde se fala o galego.

-¿Por que facer este estudo?

-Porque non había nada feito sobre o tema, só listaxes de xentilicios cheos de erros e inventos ou creacións que aparecían en prensa ou en folletos turísticos, e que logo a xente, como non coñecía outra cousa, reproducía sen cuestionar se eran correctos ou non. Apenas o 10 % dos topónimos teñen xentilicio, pero se o 90 % non o teñen nada impide que se lle poida crear un cos sufixos que a lingua ten para estes efectos.

-¿Que diferencia hai entre xentilicio e alcume?

-O xentilicio é un adxectivo que se forma sobre un topónimo. Pódese formar sobre a forma culta do topónimo (Lucus: lucense) ou sobre a forma actual (Lugo: lugués). O alcume colectivo normalmente non ten ningunha relación co topónimo en si. Faino, por exemplo, con algún oficio predominante ou con algunha característica que se lle atribúa aos poboadores desa localidade: lilainos de Sanxenxo, ghatos de Portonovo, mecos do Grove. Os alcumes poden ter un matiz humorístico, festivo ou mesmo pexorativo, por iso non se deberían usar en rexistros formais da lingua.

-¿Como popularizar un xentilicio que non se utiliza na fala nin na escrita?

-Ten que ser unha formación que non sexa cacofónica ou malsoante e que a base de coñecela acabe callando entre a xente.

-Un caso concreto de xentilicio que vostede rexeita no seu libro, ¿por que non vale sanxenxino?

-¿Que xente o utiliza? ¿Desde cando? Iso de sanxenxino leva uns anos escribíndose. A xente non coñece outra forma e empeza a usala, pero é unha falsa creación. Os de Sanxenxo (os de Padriñán) teñen o alcume colectivo de lilainos, pero non teñen xentilicio. ¿Como se forma? Pois se queremos usar unha forma culta con sufixo culto -ense ou -ino teremos que botar man do étimo, Sancti Genesiu, e sairía algo parecido a sanxinesino ou sanxinesense. Se queremos unha forma máis normal teremos que coller a forma do topónimo actual, Sanxenxo, e engadirlle un sufixo formador de xentilicios: -és, -án, -eiro, etc. Eu teño recollido o alcume persoal sanxenxeiro, supoño que analóxico de rianxeiro pola terminación. O que pasa é que a nivel popular xa microcircula sanxenxeiro, pero non acadou aínda a letra impresa, e si, en troques, chegou á letra impresa un invento recente porque sanxenxino será moi fino, pero non é axeitado á lingua.

-¿Que facemos con lilaino?

-É un alcume que pertence ao rexistro coloquial da lingua. Lilaino, entón, é válido para a forma coloquial, pero se queremos un xentilicio para Sanxenxo teremos que crealo. E con Portonovo igual. Os de Portonovo son coñecidos coloquialmente como ghatos, e se queremos crear un xentilicio serían portonoveses.

-No seu libro tamén nega o calificativo de buenense para os veciños de Bueu.

-¿Onde está o -n- intervocálico no topónimo? ¿E cal é o étimo de Bueu? ¿Tiña -n-? Non, non o sabemos e Bueu non ten. Unha forma como buenense remite a un topónimo Bueno, que non existe. Se é Bueu o normal sería que fose bueués ou algo semellante, pero nunca buenense.

xosé henrique costas catedrático da uvigo e investigador