Nacín no lugar da Insuela, preto do Portiño e non lonxe de Solleiros, na parroquia de Santa Mariña de Esteiro, alén do Freixo e aquén de Abelleira. Crieime en Muros, no Curro da Praza. De cativo ía á praia a Louro, de mozo descubrín a Area Maior, O Ancoradoiro e Lariño. Non son un espécime raro, habitante dun país exótico; son un galego de tantos. Eses lugares forman parte da paisaxe da miña vida e sempre lles oín chamar así. Porén, cando era rapaz, ao entrar no Freixo vía un sinal que puña «El Freijo» e ao pé da miña casa unha placa rezaba «Plaza del Generalísimo». Se o tal Generalísimo durase ata hoxe, aqueles lugares todos terían hogano indicativos tipo «La Insulilla», «El Puertito», «Sojeros», «Santa Marina de Estero», «Abejera», «Loro», «La Arena Mayor», «El Ancoradero», «Larino»... E se O Freixo se chegase a tornar un lugar importante de veraneo e estes días fose visitado por un señor tristemente célebre, nalgúns medios de comunicación de Madrid falaríase de «El Freijo». Unha desgraza coma esta caeulle a Sanxenxo. O nome do Freixo refírese a unha árbore do xénero fraxinus: deste seu nome latino vén o fermoso galego «freixo» e o lindo castelán «fresno». O horrísono «freijo» non é máis ca un palabrón inventado por un escribán alleo que vería Galicia como unha terra estraña e o galego como unha xerga a extirpar. O topónimo Sanxenxo remite a «Genesio», nome de orixe grega que en galego orixinou as sonoras formas Xenxo / Xenxa e Xes / Xens. (Advertencia para locutores castelanfalantes: ese «x» soa como o «sh» do inglés «she» e o «ch» do francés «chat»). En Galicia hai varios lugares Sanxés / San Xes e San Xens. De «Genesio» procede tamén «Ginés», xeitoso nome castelán. Daquela, que é «Sanjenjo»? Un monstro saído da esgallada pluma dalgún burócrata ignaro. Agora, varios medios madrileños deron en reivindicalo, disque convencidos de que o patriotismo español esixe aplicar un tratamento terapéutico aos nomes galegos que non encaixan no castelán. Será logo que para sermos españois teñen que nos cortar a lingua...? Coma nos tempos de antes, cando un xerarca da Falanxe denunciaba os escritores en galego porque tiñan «faltas de ortografía en la pluma y en el alma». Faltas de ortografía, de respecto e mesmo de sentidiño, que rabuñan nos ollos, rinchan no oído e doen na alma son os «El Freijo» e os «Sanjenjo». Seica houbo dous San Xenxos, un padroeiro dos comediantes e outro dos notarios. Que ambos nos acudan!