Enfrontaráse á UD Ourense a partir das cinco
12 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Vilalonga confiaba en poder ter escalado posicións a pasada fin de semana cun triunfo no Novo San Pedro sobre o Betanzos. Pero o seu duelo da vixésimo quinta xornada co pechacancelas, programado para a mañá do domingo, tivo que ser adiado por culpa do último temporal deste inverno.
A falta de fixar unha nova data para o encontro —no club celeste manexaban onte o xoves 1 de maio como probable novo día—, o Vilalonga chegará moi afogado na clasificación ao seu compromiso desta semana. Non en van, o cadro que dirixe Alberto Mariano deberá cursar visita ao líder, a UD Ourense, nun campo, O Couto, no que este se mantén como único dos 18 equipos do grupo galego da Tercera RFEF sen coñecer a derrota como local. Faráo na tarde do sábado, ás 17 horas, abrindo a xornada 26.
O Vilalonga, cuarto pola cola da clasificación cun só punto sobre o descenso directo —e un partido menos—, deberá encarar o máis difícil dos desprazamentos novamente cargado de baixas, sen os mancados Juan e Jesús Barbeito, Iker, Varo, Martín e Iago Portas.