Galicia completou case todos os pasos para acadar o autogoberno na República, pero o golpe do 18 de xullo frustrou aquel proceso

César Rodríguez

As autonomías non foron un invento da Transición. A descentralización territorial e política xa figuraba en negro sobre branco no texto da anterior Constitución democrática que tivo España, a republicana de 1931, que proclamaba no seu primeiro artigo un «Estado integral, compatible con la autonomía de los municipios y de las regiones».

Aquela carta magna aprobada hai 90 anos habilitaba ás provincias «con características históricas, culturales y económicas comunes» a formar un «núcleo político administrativo» previa presentación dun proxecto de Estatuto por parte das institucións locais. O galeguismo cultural e político e as forzas autonómicas que sustentaban o réxime republicano aceptaron aquela invitación.

Os traballos comezaron no mesmo ano da caída da monarquía. Apenas un mes despois da fuxida de Alfonso XIII, o Seminario de Estudos Galegos presentou un proxecto de norma fundamental de país de carácter federal. Pero non prosperou. Tampouco o fixo outro texto elaborado polos deputados que representaban a Galicia nas Cortes constituíntes republicanas.

Foi en 1932 cando dunha asemblea de concellos celebrada en Santiago saíu unha comisión redactora da que formaban parte figuras históricas como Manuel Iglesias Corral, Eladio Rodríguez, Manuel Lugrís Freire ou Enrique Rajoy Leloup, avó do expresidente do Goberno Mariano Rajoy. O anteproxecto que redactaron foi debatido e aprobado o 19 de decembro daquel ano co aval maioritario duns concellos que aglutinaban ao 84 % da poboación.

Pero faltaba por cumprir a segunda condición esixida pola Constitución da república: a aprobación en referendo cidadán. Facía falla unha licenza de Madrid. E esta non chegaba. Diverxencias internas, o temor a un veredicto negativo das urnas, un vento político pouco favorable en Madrid (era o chamado bienio radical-cedista) e a crise desatada trala revolución de Asturias adiaron a convocatoria.

A consulta non chegou ata 1936, tras o trunfo da Fronte Popular nas eleccións xerais que acabaron levando a Manuel Azaña á xefatura do Estado e ao coruñés Casares Quiroga á do Goberno. As principais forzas políticas galegas que apostaban pola autonomía formaban parte daquela coalición. E saíron vitoriosas da cita coas urnas en dúas das catro provincias, A Coruña e Pontevedra (con Castelao, do Partido Galeguista, entre os deputados). A dereita monárquica arrasou en Ourense. E en Lugo gañaron os centristas do entón primeiro ministro Portela Valladares, tamén favorable ao proceso.

Unha exposición no Castro, Sada, dos carteis da campaña do Estatuto de 1936
Unha exposición no Castro, Sada, dos carteis da campaña do Estatuto de 1936 XOSE CASTRO

Carteis para a historia

Galicia volveu a senda do referendo. As páxinas de La Voz de Galicia dos meses de abril e maio dan conta dos debates e as incertezas sobre a organización do inminente plebiscito. Os galegos foron chamados a votar o domingo 28 de xuño.

Había que mobilizar aos cidadáns. A Constitución republicana era moi esixente. Era preciso o voto afirmativo de dúas terceiras partes do censo. E as primeiras planas dos xornais non deixan lugar á dúbida: a campaña foi intensa. Nela participaron artistas sobranceiros e moi comprometidos coa causa do autogoberno. Carteis de Camilo Díaz Baliño (enriba desta columna), Luís Seoane, Isaac Díaz Pardo ou Castelao (á dereita) chegaron a ser iconas históricas. Debullaban este escenario: o si representaba o progreso, e a xustiza social; o non, o caciquismo e o atraso.

Un momento solemne

Chegou o día do plebiscito, «Un momento solemne de la historia regional», dicía La Voz en primeira plana, que días antes publicara o texto íntegro da que podía ser a súa lei fundamental. O apoio á autonomía foi estratosférico: tres cuartas partes do censo (case un millón de galegos) votaron a favor. A contundencia do resultado levantou sospeitas sobre un posible fraude non probado (o «santo pucheirazo» que acuñou Avelino Pousa Antelo), pero o resultado foi validado.

O 15 de xullo, deputados galeguistas entregaron en Madrid o texto aprobado polos galegos para a súa tramitación polas Cortes republicanas. Tres días despois, o 18, produciuse o golpe de Estado que provocou a Guerra Civil. Gañou quen gañou. E aquel Estatuto de Galicia nunca chegou a entrar en vigor. Quedou no limbo.

O legado daquel Estatuto

Durante a Guerra Civil, o empeño de Castelao fixo que as Cortes republicanas, reunidas no castelo de Montserrat en 1938, aceptaran a trámite aquel texto. A súa aprobación, completamente simbólica, chegou en 1945, en México, nunha reunión do parlamento republicano no exilio. O referendo do 36 abriu a porta a que Galicia, na Transición, tivera ao seu alcance un acceso máis rápido á autonomía política. E aquel vello soño chegou a ser realidade en 1981.

Votación do Estatuto do 36, nunha imaxe de Ksado
Votación do Estatuto do 36, nunha imaxe de Ksado

 

A Galicia autonómica do 36: un executivo con dous presidentes, un de Galicia e outro da Xunta

O Estatuto do 36 é un texto legal breve, de apenas 40 artigos. No seu título preliminar establece que o ámbito xeográfico da «rexión autónoma» son os concellos que formaban parte das provincias de A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. E abre a porta á expansión a través da agregación de «calquera territorio limítrofe de características históricas, culturais, económicas e xeográficas análogas».

Aquela norma proclamaba dúas linguas oficiais, o galego e o castelán. E ordenaba que se usara a segunda para as relacións formais coas autoridades doutras rexións e coas do Estado. Tamén obrigaba aos futuros funcionarios autonómicos a acreditar «coñecemento da lingua galega».

Baixo o título Poder rexional, a estrutura política debullada por aquel Estatuto era complexa e de carácter semipresidencial, cun executivo dual. Había, primeiro, un presidente de Galicia (como un xefe de Estado) elixido por votación popular directa e con limitación de dous mandatos de catro anos, que asumía a representación da comunidade e tiña competencias para disolver o Parlamento, denominado Asemblea. E logo había un presidente da Xunta, un xefe de Goberno, designado polo anterior.

O poder lexislativo residía na citada Asemblea, que tamén podía provocar a caída do presidente de Galicia. Segundo o texto do 36, os seus deputados ían ser elixidos cun sistema proporcional e por un mandato de tres anos.

Democracia directa e poderes especiais

Curiosamente, a norma fundamental prevía mecanismos de democracia directa en forma de referendos sobre as leis aprobadas na Cámara, e abría a porta a que os electores puideran revogar as actas aos parlamentarios, pero non daba detalles do mecanismo, e remitía a unha futura lei especial.

Aquel texto outorgaba ao presidente de Galicia un poder especial, non habitual na actualidade: «Resolver os conflitos de xurisdición entre autoridades xudiciais, administrativas e contencioso-administrativas dependentes do poder rexional». E facultaba á Xunta, que tería o control da policía, para suspender as garantías dos dereitos individuais en «casos graves e constrinxentes de desorde pública».