Espullas por estrelas

Xermán Torres de Aboal

RELATOS DE VERÁN

07 ago 2023 . Actualizado a las 10:45 h.

Tamén nos tempos de picariño ía cos meus avós a recoller piñas e gharabullos no monte preto de San Clemente e de San Andrés de Cesar. Volviamos á noitiña e eu seguía coa miña teima de mirar cara o alto. «Mira cara o alto Hanna, mira cara o alto». Un día, en que regresabamos do monte, despois do solpor, os adultos con cadanseu feixe de gharabullos e bolsas de piñas, había unha extraordinaria lúa chea de agosto, enorme, dunha intensa cor amarela, semellaba que a grande lúa estaba a nos ollar e nos seguía, era algo que impresionaba aos ollos atónitos dun meniño, a grande e luminosa lúa alumeaba o noso camiño e viña con nós, parecía que agarimosamente nos sorría e nos protexía no noso camiñar en doce compaña. Eu miraba abraiado cos meus ollos de neno aquel precioso espectáculo, vía nela os seus ollos e a súa boca que alegre nos sorría, é algo que aínda hoxe, pasadas moitas lúas, non esquecín.

E boto de menos, dos meus tempos da dourada infancia, non poder ver tan clara e luminosa a Vía Láctea ao ollar cara o Xiabre naqueles meses da agosto pasados co ceo limpo e claro, no que poder contemplar o Campo das Estrelas e dos planetas, que agora non podo ver igual, quedou atrás, lúas atrás, ceos atrás a maxia da nenez e a claridade dos ceos.

Mais sigo a mirar cara o alto, «mira cara o alto», en vez de espullas (miña avoa dicía que se miraba ás estrelas tería o corpo cheo de espullas) teño pequenas lúas poboando todo o meu corpo... A pesares da invasión de lunares no meu corpo, polo menos nada me impide soñar, ninguén me poderá roubar aquel ceo de agosto, aquelas estrelas, aquela lúa!

Xermán Torres de Aboal. 66 anos. Vilagarcía de Arousa.