Un conto de fadas

Óscar Martínez Rey

RELATOS DE VERÁN

21 ago 2023 . Actualizado a las 10:31 h.

O vello mariñeiro empezou a recoller a nasa de xeito rotinario, case con desidia, intuíndo que un luscofusco máis, o aparello viría baleiro. Saír a pescar no seu pequeno barquiño tódalas tardiñas era xa o único que lle quedaba dende que había oito anos que finara a súa muller, coa cal vivira unha intensa historia de amor durante medio século, desas de película. A maioría das veces voltaba coas mans baleiras, pero eso non lle importaba, porque mentres estaba alí, no medio do mar, a soas consigo mesmo e coas súas lembranzas, preto do solpor, era feliz.

Notou como nesta ocasión a nasa resistíase máis, como se algo a retivese no mar, e sorriu pensando que quizais hoxe, no aniversario do finamento da súa muller, Deus o quixese compensar cunha enchenta de peixes. Pero os seus ollos abríronse como pratos cando viu que suxeita á nasa xurdía unha serea de beleza indescritible, como esas dos contos e lendas, das cales un se queda prendado para sempre xamais. Quedou apampado mirándoa, como enfeitizado e entón oíu a súa voz doce, suave, envolvente: “Se pecha-los ollos e me das un biquiño nos beizos, transformareime na túa muller, á que tanto estrañas, e seredes felices para sempre”. O vello mariñeiro apenas puido murmurar: “¿de verdade?”. “De verdade”, dixo a serea, cun encantador sorriso, aínda suxeita á nasa. Entón el nono dubidou. Pechou os ollos e bicouna nos beizos, corados e de sabor a amorodo, imaxinando xa a súa nova vida a carón da súa resucitada muller. Transcorridos uns segundos, abriu os ollos e ante si viu a un enorme, negro e noxento sapo, grande como un raposo, que lle sorría maliciosamente. “Por fin me ceibei desta maldición milenaria e volto ser eu outra vez”, oíulle dicir, con voz chirriante. O vello mariñeiro sentiuse moi impresionado ante semellante visión e de súpeto empezou a notar unha terrible dor no peito que nono deixaba respirar, cada vez máis abafante. Levouse unha man ao peito e caíu ao chan. En apenas uns segundos deixou de respirar. Estaba morto e pronto se reuniría coa súa muller, alá no Ceo.

Óscar Martínez Rey. 56 anos. Cambados.