Os relatos de Mónica Fraga e Rocío Lozano, recoñecidos polos lectores

G. N. / A. L. REDACCIÓN / LA VOZ

RELATOS DE VERÁN

Mónica Fraga, ganadora de Relatos de Verán, en la modalidad de mayores de 16 años con el delegado de La Voz en A Coruña Alfonso Andrade.
Mónica Fraga, ganadora de Relatos de Verán, en la modalidad de mayores de 16 años con el delegado de La Voz en A Coruña Alfonso Andrade. EDUARDO PEREZ

As gañadoras nas dúas categorías do concurso Relatos de Verán recollen os seus premios

17 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

«O meu conto parte do amor e os coidados do meu avó cara á miña avoa. El laváballe os pés a ela. Un día, o meu avó explicoume ese ritual e a miña avoa ruborizouse. Cando ela faleceu, lembrei esa historia e decidín escribila para non esquecela». Había moito de propio e íntimo no relato de Mónica Fraga Rodríguez, veciña de Oleiros (A Coruña) e gañadora do certame Relatos de Verán 2023 na categoría adulta tras as votacións dos lectores de La Voz de Galicia, que avaliaron a peza O ritual dos sábados á tarde como a mellor. Como profesora, leulles o relato aos seus alumnos de terceiro de ESO sen dicirlles que o escribira ela, pero non o entenderon, admite, «non se quedaron co fondo».

Mónica Fraga (A Laracha, 1974) di que as limitacións de espazo que impón o concurso axústanse moi ben ao seu xeito de facer, porque, na escritura, prefire o tramo curto: «Gústame tamén o microrrelato. Polo de agora, o formato longo paréceme moi ambicioso». Fraga é licenciada en Física, profesora de Tecnoloxía e directora do IES Rego de Trabe, de Culleredo. A física non lle impide amar a escrita: «As letras e as ciencias non teñen por que ser incompatibles; é máis, compleméntanse». Participou por primeira vez nun certame literario animada polo seu profesor de Lingua Castelá do IES Alfredo Brañas de Carballo, no que se alzou coa primeira distinción, e recentemente acadou o terceiro premio no concurso de microrrelatos que promove a RAG.

Rocío Lozano, ganadora de la modalidad infantil, recibiendo su premio
Rocío Lozano, ganadora de la modalidad infantil, recibiendo su premio MARCOS MÍGUEZ

Sinala que escribir lle axuda a atopar a calma e a «ver as cousas doutra maneira: ás veces é unha necesidade», confesa tras recoller satisfeita o seu premio, un bono para unha estancia dunha noite para dúas persoas nun dos establecementos OCA Hotels de Galicia ou Asturias.

Tamén a vencedora no apartado de menores de 16 anos encontrou a inspiración ao redor da súa propia familia. O relato A loba da fada, subliña Rocío Lozano Souto, elaborouno «a partir da historia tradicional do home lobo, pero dunha maneira libre: a protagonista é muller e a súa pelaxe é branca». Cando remitiu o texto tiña dez anos. A historia xurdiu, prosegue, en torno á casa da súa avoa, nas Nogais. Rocío Lozano é estudante no colexio CEIP Portofaro e residente no Temple, no concello coruñés de Cambre. Gústalle moito ler; e algúns dos seus libros favoritos son os de Amanda Black, Snoopy e Carlitos, O club das Canguro e os do escritor británico David Walliams. De feito, ela está moi contenta de que o premio sexa un e-Book, porque lle permitirá «ler máis libros».