Nunca debín baixar

Ricardo Lara Blanco

RELATOS DE VERÁN

21 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Nunca debín baixar. É fácil de dicir a posteriori, cando as consecuencias son aparentes, non tanto cando estás arriba, onde o ceo e visible e a razón aínda existe.

Rematei de xirar a manivela e prendín a lanterna. Os LED brancos romperon unha vez máis a escuridade, convertendo o negro en tons de grises da pedra ao meu redor.

Baixo este cono de luz retomei o camiño seguindo meu compás interno, facía horas que sentía como se os meus boches estiveran feitos de ferro e nalgún lugar da terra houbera un imán xigante marcando meus pasos. Non sabía se seguía baixo o monte Neme, pero claramente deixara atrás as galerías da mina, sería esta cova un encontro fortuíto durante a procura de volframio? Ou tiñan as prospeccións unha axenda oculta? Despois de todo, os túneles afástanse moito das vetas. Pero, que interese podería haber nesta cova? Que clase de tolo coñece o que vira e decide comunicalo co exterior?

Aos poucos metros, atopei mais ósos que foran dispostos coma os demais formando un patrón xeométrico que non recoñecía. Mirei a miña man esquerda envolta no improvisado vendaxe: usarían o meu dedo nun destes símbolos? Retomei o camiño querendo evitar a volta dun dos “fregueses” que vira en anteriores símbolos.

Cheguei ata unha cámara tan aberta que a miña lanterna era incapaz de iluminar a parede oposta. A súa utilidade reducíase a impedir que tropezara coa ocasional estalagmita. Curiosamente, estaban curvadas coa punta na dirección contraria ao meu tirón interno, coma se as gotas que as formaran tamén sentiran a atracción.

Vin algún resto de carne en diferentes estados de descomposición, non a comen, so necesitan os ósos. Finalmente atopei un pozo na rocha, de aquí viña o tirón.

Tirei a lanterna, non necesitaba ver o «Imán» alzarse, non importaba a luz, non importaba o que lle sucedera ao meu corpo. Xa non me pertencía, outra conciencia foi disolta, outra mente para coleccionar por aquela entidade.

Nunca debín baixar.

Ricardo Lara Blanco. 24 anos. Ferrol.