Os percebes

Julio Freire Muíño

RELATOS DE VERÁN

22 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

«Non vou ter outra que ir a ver como anda o mar pola Frouxeira, que os de Meteogalicia líanme moito». Así é como empezou aquela historia de verán que sin sabelo ía marcar un dos mellores días da miña vida. Ir aos percebes, como dicimos en Meirás, non é cousa doada, sobre todo cando vas por terra ti só. A maioría dos percebeiros ían en parellas e polo mar, porque é máis doado traballar.

Baixei a praia da Frouxeira e ao pouco xa vin o que ía ser o comezo dunha aventura. Un can escapara e meterase na auga e unha rapaza ,a súa dona, non facía máis que berrarlle ao can para que saíse do mar ,porque cría que ia afogar.

«César, sal del agua ya, o una ola te arrastrará», dicía a rapaza en voz alta, pero o can non lle facía caso. Achegueime xunto a rapaza e tratei de tranquilizala. «Nesta zona da praia non hai correntes, non pasará nada». A rapaza parecía madrileña polo seu acento, así que repetino castelán porque non me fixera caso ningún.

Ela miroume e decateime de que era cega e aquel o seu can - guía. Axudeille a collelo e propúxenlle acompañala ata o final da praia. A rapaza chamábase Clara e era de Ávila, non de Madrid. Estaba na casa duns familiares pasando uns días. Conteille que era percebeiro e expliqueille o meu traballo.

De súpeto, ela preguntoume se podía ir comigo coller percebes, pero eu comenteille que era perigoso, mais aínda para unha persoa cega.

Quedou conforme, pero para compensala díxenlle que a invitaba a comer unha percebada o día seguinte na miña casa.

Ás 3 apareceu acompañada do seu can. Parece que lle gustaran os percebes porque un quilo non lle chegou a nada asi que boteille outro quilo máis no prato e quedei mirando para ela coma se fora parvo.

As 5 viñérona a buscar e despediuse de min cun enorme sorriso. Deume un bico e marchou xunto ao can. Cando fun recoller a mesa deixárame unha nota en papel que dicía «son neta de Pepe de Aviño, percebeiro de sempre».

Julio Freire Muíño. 53 anos. Ferrol.