España limita al Norte con el Mar Cantábrico, los Montes Pirineos que la separan de Francia, al Este con el Mar Mediterráneo... Machichaco en Vizcaya, Ajo en Santander, Peñas en Asturias…
—Lobero, bó, total o luns Doña Menchu non me vai preguntar nada de ningunha cousa, iso si: non podo esquecer dicir Ave María Purísima ó entrar e facer o sinal da cruz, amodo, e ben marcado en cada ombreiro! Se non, rematarei de xeonllos diante do encerado.
Lobero está atento a todo, coñece as miñas intencións, é un can de palleiro moi listo.
—Pum, pum...!
Lobero pegou un chimpo cara ó cuarto da cheminea coma se lle caera un lóstrego.
—Vou! Estou aquí, padriño, repasando na enciclopedia. A ver, ui! Ten os pés coma neve... e quentura na testa. Vou quentar auga.
—Neno, axúdame, voume erguer. O vento deixou de abanear a cheminea, a ver se escampa. O prado da estivada de seguro que ten bo mato e compre apañalo namentres estea brando, que logo a fouce non lle entra. Dille a túa nai que enxugue as dúas xovencas. Aí ás doce ei ter apañados dous carros —dixo o padriño.
—Listo, Lobero, imos poñerlla nos pés da cama.
—Dille tamén que leve o cabestro grande para atar de diante atrás no chedeiro, voulle atacar o toxo gordo no varal para que non vaia derradeiro. Hai que facer esterco para botar as patacas, xa teño cortados oito cestos de semente da baraca e seis da do ollo azul, e o arró gabeado. María, vai abri-la cancela!
—Padriño, escoito falar na cañeira, a ver se son eles... Si, xa están aquí.
Traían dous carros de millo para esfollar. As vacas viñan cos odres cheos, catro ó xugo e as outras tres á corda.
—Papá, non para de petar na caniza, non abriu os ollos dende que vos fostes.
—Axiña vou —dixo, sacando as polainas—, xa terá moitos ouriños. Hai que poñer a sonda a ferver.
Padriño quedou relaxado e durmido. A súa cara pálida e nariz afiado cegaban o cuarto. Outro día eterno de angustia para el.
Ignacio Trillo Tomé. 62 anos. Noia.