O ciberactivismo permite que milleiros de persoas se mobilicen por unha causa común.
05 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.Na Sociedade da información na que vivimos, as redes permitiron que milleiros de persoas no planeta entren en contacto e poidan asociarse coa finalidade de crear grupos de presión para unha causa común. Esta protesta dixital denomínase ciberactivismo e está consolidándose cada vez máis como unha forma de mobilización social on line. Sen dúbida, trátase do expoñente máis claro de alianza entre as novas tecnoloxías e as causas solidarias. A través da pantalla, personas de todo o mundo poden mobilizarse e apoiar as campañas que se levan a cabo sobre a defensa da paz, os dereitos humanos, o medio ambiente, a loita contra as desigualdades sociais, etc. Cunha simple sinatura electrónica é posible unirse a moitas causas. TIPOS DE CIBERACTIVISMO Existen dous tipos de ciberactivismo. Por unha banda está aquel que poderiamos denominar clásico. É a forma máis común e o seu obxectivo é amosar que unha gran cantidade de persoas está en contra ou a favor dunha situación específica. Ó outro tipo denomínaselle Acción Cibernética. Permite concentrar nun momento determinado o envío de correos a un blanco determinado. Tódolos participantes remiten simultaneamente un correo, colapsando o sistema de mensaxería do destinatario. TIPOS DE CAMPAÑAS Existen decenas de posibilidades nestes momentos: dende mobilizarse contra o aeroporto de Barcelona, os incendios en Galicia, pedir pola extradición de Fujimori, etc. Amnistía Internacional e Greenpeace son dúas das organizacións pioneras en levar a cabo este tipo de accións urxentes con nomes e apelidos de personas de todo o mundo. CAMPAÑAS NA WEB O xeito máis normal de facer campañas na Web é poñendo unha páxina na que se explique o obxectivo da mesma e pedindo aos interesados en apoiala que poñan o logotipo da campaña nalgunha parte das súas propias páxinas ligando co web da campaña. Así multiplícase o efecto difusor e calquera pode atopar o logotipo na páxina máis inesperada e informarse do asunto cun so click. VANTAXES DE INTERNET PARA O CIBERACTIVISMO· As principais vantaxes que a rede ofrece para este tipo de loita on-line é o baixo custo e a gran repercusión que ofrece internet. Ademais, existe a posibilidade de manter unha comunicación interactiva e acceder ás diversas versións implicadas no tema e o intercambio de información e experiencias con outos activistas. Sen dúbida, a cooperación resulta máis sinxela e rápida. ALGÚNS ÉXITOS DO CIBERACTIVISMO · Entre os máis destacados cómpre sinalar a incrible proposta do Departamento de Agricultura dos EE.UU. de permitir que alimentos xeneticamente alterados, irradiados ou cultivados con lama tóxica levasen a etiqueta de orgánicos foi retirada despois de que 200.000 persoas se opuxeran. Foi o resultado dunha campaña levada a cabo por asociacións pro-orgánicas en todo tipo de medios. Outro éxito importante foi cando os Zapatistas conseguiron, na primeira ciber-asentada da historia, ter todo o día bloqueado o web do Goberno Mexicano cunha sobrecarga de visitas de internautas dende 23 países. Na nosa comunidade, a Ciberirmandade da Fala ten conseguido mediante o envío de e-mails que un bo número de webs de empresas e institucións galegas incluísen a súa información en galego.