CAMILO FRIOL MI CALLE
28 ago 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Contar os aros do toro dunha árbore é o xeito que meu avó me ensinou para calcularlle os anos. Aplicándoo ás cidades, habería que substituílos por rúas como a das Rodas. Compostela xa enguliu esta que fora a primitiva circunvalación da cidade. E con dous tipos de mateirais, a pedra da muralla medieval que cercaba o habitado, e o asfalto que troixo a rampa, eliminadora de barreiras arquitectónicas. Daquela gañouse a rúa o nome que agora leva, en vixencia polos milleiros de neumáticos que a diario a suben e a baixan. Rodas de vespinos, de coches, dos buses urbanos ou das bicicletas dalgún turista despistado. Pero esta finalidade circulatoria acabou por comerse o baixo das casas que quedan aló metidas. Polas beirarúas de servicio que lles deixaron case que non pasa ninguén. Barandas de ferro protéxennos de caer ó pasado. Queda o Rock and Blues e unha mercería china con roupa occidental. Nunha das fiestras que dá ás Rodas hai un letreiro pequeno que anuncia clases particulares. O seu tamaño non me deixou descubrir aínda que se ensina alí e iso que paso varias veces tódolos días por aquela costa que lle lo pon difícil ós xubilados do Fogar da Porta do Camiño e ós autobuses cando chegan á curva de San Roque. redac.santiago@lavoz.com