O teatro afeccionado amosa a vitalidade dos grupos de base

C. Pino SANTIAGO

SANTIAGO

A primeira edición do festival reúne a sete compañías galegas Os escenarios do Principal e do Salón Teatro ofrecen catro espectáculos entre hoxe e mañá

06 dic 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

O primeiro Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán colle carreiriña logo das dúas primeiras xornadas, porque á función diaria que ofrece no Salón Teatro únese hoxe e mañá unha segunda no Teatro Principal, completando así o programa de sete espectáculos cos que o amplo colectivo de actores, directores e técnicos teatrais amateurs amosa a vitalidade e o bo facer dun sector artístico que empeza a ser considerado en Galicia. As dúas compañías de actúan hoxe no marco do festival son a viguesa Lohengrín Teatro, que representa no Principal, ás 20 horas, a obra de Pablo Iriarte A batea perdida ; e Metátese Teatro, o grupo de Palas de Rei que pon en escea Vesania , de Afonso García Penas e Xesús Xabier Souto Bragado, ás 22 horas no Salón Teatro. Se a primeira destas dúas montaxes é unha historia de lobos de mar, tesouros e illas perdidas, a segunda afonda na complexidade dunha sociedade de cascudas. A programación do domingo achega ó Principal, ás 20 horas, a montaxe Comida , basada no texto de Martin van Veldhuizen, a cargo da compañía ourensana Teatro Mutante. Ás 22 horas, e pechando o festival, actuará no Salón Teatro outro grupo vigués, O Trasno Novo Teatro, co espectáculo Foreber , de Raúl Dans. Os tres actores do grupo teatral ourensano reflexionan sobre a vida na sociedade occidental, mentras que os dous únicos personaxes na obra que ofrecen os vigueses de O trasno buscan unha saída. As tres primeiras montaxes que ofreceu o festival estiveron a cargo do grupo compostelano Teatro de Cámara Ditea; Teatro Candelexas, de Noia; e Achádego Teatro, de Lugo.