A xente esquécese a miúdo do que é a natureza. Da súa importancia. Elvira está para recordalo
11 ene 2003 . Actualizado a las 06:00 h.Durante todo un ano, Elvira acudiu tódolos sábados á praza de Galicia para protestar contra as minicentrais. Era unha especie de nai da praza de Maio, pero en versión ecolóxica. Protestaba pola natureza desaparecida. -¿Cando xurdiron as súas inquedanzas polo medio ambiente? -Hai xa tempo. Nos anos setenta, cando estudiaba a carreira en Compostela. Era a época das manifestacións antinucleares. -Pois agora Loyola de Palacio fala de recuperar esa enerxía. ¿Que lle parece? -Unha gran barbaridade. Poderiamos recordar á UE que aínda hai sete millóns de persoas afectadas do desastre de Chernobil. -¿E que alternativas propón vostede? -Aforrar. Non consumir máis. Hai que ser eficientes. Eso non quere decir que teñamos que renunciar a prestacións. O camiño é aproveitala tecnoloxía para que os novos aparatos consuman menos, como por exemplo, nos coches. Eu recordo que nos primeiros anos da democracia había un lema do Goberno que dicía: «Si usted puede pagarlo, España no puede». -Vostede oponse á enerxía nuclear, pero tamén protestan contra outras fontes renovables, como a eólica... -Iso non é certo. Queixámonos do xeito en que se quere aplicar. Eu non estou en contra da enerxía eólica, pero si de instalar parques nos mellores espacios naturais da comunidade. A ninguén se lle ocorrería poñer unha térmica enriba das torres da Catedral. Pois ben, temos a serra do Xistral ateigada de muíños. ¿Cal é a lectura disto? Pois que aquí só prima o interese empresarial. Pero hai outros factores a ter en conta, como o medio ambiente. Neste aspecto, en Asturias poñen a Galicia como exemplo do que nunca se debe facer. O caso das minicentrais é outro bo exemplo de que só se teña en conta o beneficio empresarial. -¿Que tal se levan a ecoloxía e a globalización? -Fatal. Vivimos nun mundo no que o 80% dos recursos do planeta os manexa o 20% da poboación mundial. A chamada globalización o que fai é agravar esa desigualdade. Mentres occidente despilfarra, o terceiro mundo pasa moitas necesidades. Un cidadán do norte consume o que 35 do sur. Nós propoñemos o chamado desenvolvemento sostible. -¿E en que consiste iso? -En que se satisfagan as necesidades de hoxe sen hipoteca-las de mañá. -¿Cre que hai cultura ecolóxica na cidadanía? -Hai unha maior sensibilidade, pero falta compromiso. Moita xente ten que entender que non se pode estar na casa a trinta grados e en camiseta. Ó mellor, é máis beneficioso estar a 22 e cunha manga. -Houbo unha campaña de aforro enerxético promovido polo Inega... -Si, é unha das poucas cousas positivas que fixo ata o de agora. -Existe a crenza de que os ecoloxistas queren vivir en plan Robinson Crusoe e que protestan por todo... -É un tópico. Tamén podería recoñecerse que fomos dos poucos que vimos avisando dende hai tempo dos problemas que ían producirse, como o do cambio climático. Neste senso, coido que somos un pouco profetas.