O grupo afeccionado Metátese Teatro presenta no festival Agustín Magán «No mundo megaguai»

La Voz LA VOZ | SANTIAGO

SANTIAGO

06 dic 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

O grupo teatral da vila lucense de Palas de Rei Metátese Teatro protagoniza ás 22 horas de hoxe no Salón Teatro a penúltima función do programa do terceiro Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán. A montaxe coa que volta actuar en Compostela Matátese Teatro é No mundo megaguai , unha creación colectiva dos membros da compañía que dirixen Afonso García Penas e Xesús Xabier Souto Bragado. A obra propón ao espectador unha reflexión arredor das diferenzas entre o mundo europeo supostamente civilizado e á sociedade tribal samoana, cunha posta en escea lúdica e cómica. Os personaxes están a cargo dun elenco formado por Óscar Varela Casal, Mónica Pérez Souto, Xosé Manuel Pérez e Afonso García Penas. As entradas, a 3 euros, póñense á venda na taquilla do teatro dúas horas antes da función. O festival inaugurado o pasado venres naceu como homenaxe ao dramaturgo Agustín Magán, director e gran promotor do grupo afeccionado compostelán Teatro de Cámara Ditea.