«Temos dereito á forma de estar no mundo que nos dá a lingua»

Concha Pino SANTIAGO

SANTIAGO

En dos minutos | Teresa Moure FILÓLOGA E ESCRITORA QUE VÉN DE GAÑAR O PREMIO DE ENSAIO RAMÓN PIÑEIRO COA OBRA «OUTRO IDIOMA É POSIBLE» A autora deste traballo asegura que se pode cambiar coa palabra, e que debería haber un multilingüismo radical

25 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

O xurado da cuarta edición do premio de ensaio Ramón Piñeiro, convocado pola editorial Galaxia e Unión Fenosa, decantouse unánimemente por un traballo que aposta por un idioma artificial de comunicación universal: Outro idioma é posible . A autora resultou ser a profesora de Filoloxía Hispánica la Universidade de Santiago Teresa Moure, que xa fora finalista o pasado ano cun traballo sobre a muller. -Creo na utopía, creo que só nos queda iso. Un pode medir que posibilidades ten unha lingua artificial, internacional. Pero sempre hai poderes para castigarnos, para decir que non nos rebelemos, que o inglés é cómodo, que todo o mundo ten un certo dominio del... Pero existe a posibilidade de reivindicar cousas as que temos dereito. E temos dereito a unha forma de estar no mundo que nos dá a lingua e a non ter que suplantala. Así que é unha utopía, pero no mellor dos sentidos, no da revolución. Hai unha orde mundial que nos vén imposta, pero que pode e debe cambiarse. Fai falta tomar conciencia dos problemas, ser mínimamente críticos e rebeldes, claro. -¿Para reivindicar as linguas propias? -Por suposto. Reivindicaría a forma galega de estar no mundo ou a zapoteca. Debería haber un multilingüísmo radical e unilo aos movementos alternativos que nos fan plantexarnos se o que facemos cada día ten que ser así. -¿Traballos coma o seu axudan a divulgar ciencia? -Hai unha ciencia que se precia de ser un dominio pechado, de especialista, e outra ideoloxizada, que prima máis os valores éticos da investigación. Neste caso, o problema que se trata é o das linguas da humanidade, un tema que a lingüística trata moi escasamente ou de forma moi especializada, cando eu creo que se pode cambiar o mundo coa palabra. E os lingüistas, coma outros científicos, teñen que poñer o seu pequeno coñecemento ao servizo dos cambios sociais.