O día 30 remata o prazo de envío de orixinais ao Premio Dámaso Alonso de Investigación Filolóxica
SANTIAGO
O próximo día 30 remata o prazo para entregar os orixinais que concurran a séptima edición do Premio Dámaso Alonso de Investigación Filolóxica, convocado pola Universidade de Santiago, o Concello de Ribadeo e La Voz de Galicia. O certame está aberto á participación de investigadores no campo da filoloxía que non teñan cumprido os 30 anos na data na que remata o prazo de recepción dos traballos. O tema, que pode presentarse en lingua galega ou castelá, ten que tratar sobre eidos analizados por Dámaso Alonso na súas investigacións filolóxicas, tales como estudos das linguas da Península, ensaios histórico-críticos sobre as literaturas románicas peninsulares de todas as épocas, edicións e comentarios de textos literarios hispánicos, estilística e teoría da literatura ou de historia da crítica literaria. O premio está dotado con 6.000 euros, máis a publicación da obra, editada polo Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC. O libro estará listo para a súa presentación o 22 de outubro deste mesmo ano, data na que se conmemora o nacimento, no 1898, de Dámaso Alonso, ou en días próximos. Os orixinais, que serán inéditos, teñen que ter unha extensión de 150 a 250 follas de tamaño Din A-4, mecanografiadas a dobre espazo por unha soa cara e en letra de paso non compensado. Os interesados deberán enviar seis copias antes das 14.00 horas do 30 de abril á secretaría xeral da USC. O xurado, como en anteriores edicións, estará presidido polo reitor ou persoa na que delegue, e formado por catro filólogos nomeados pola Universidade compostelá. Como sectretario actuará unha persoa designada polo Concello de Ribadeo, que terá voz pero non voto.