«Unha pequena viaxe pode explicar toda unha vida»

José Xavier Bom SANTIAGO

SANTIAGO

RAQUEL CASTRO

Entrevista | Raquel Miragaia O barco, o avión, o tren, o metro, o bus ou a estación dan vida en traxectos que resultan moi intensos e emotivos

11 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

PRESENTACIÓN. Raquel Miragaia presenta ás 20.00 horas, en Sargadelos, o seu segundo libro de narrativa galega, que consta de 9 relatos breves sobre formas de transporte público. ?o lanzamento de Em tránsito estarán o editor da Difusora das Letras, Xavier Paz; o ilustrador Mauro Trastoy, e o grupo Marful. O seu primeiro libro, Diário Comboio , acontecía nunha aldea, A Escravitude; agora na grande cidade. Moitas diferenzas, co nexo de unión da intensidade e da emotividade na súa prosa. -Os primeiros relatos deste novo libro foron escritos nunha viaxe ao Rio e a São Paulo, como unha necesidade, polo impacto desas cidades, sobre todo a paulista. Outros teñen máis que ver coa miña experiencia máis próxima. -Urbes moi diferentes a Compostela, ¿non é? -Si, nunca vivira unha situación así. Porque en Santiago vou a pé a toda a parte, coñezo a xente pola rúa. No primeiro libro aparece a vida diminuta na aldea, onde o máis importante eran as persoas e a experiencia individual; agora a impresión que me causou algo que nunca vivira, a urbe enorme, a megalópolis, tan grande que tamén pode esmagar as aspiracións persoais. -¿Como explica este novo libro? -Son historias mínimas que demostran como unha pequena viaxe pode explicar toda unha vida. Sempre sentín o atractivo dos medios de transporte pola súa cotidianidade, mesmo as estacións onde se espera e onde moitas veces non tes moito máis que facer que ollar para a outra xente. -¿Inflúe o ensinar literatura na súa escrita? -A miña narrativa está moi traballada, iso si. Acredito que inflúe máis o ler moito e analizar cando non gustas que é o que falla, aprendes diso. Moitos lectores viron a miña prosa como lírica, e iso si que foi sorpresa para min. O que fago é corrixir e eliminar moito, ir directa ao centro das cousas, que penso que para o relato é bo; para unha narrativa máis longa non o sei. -¿E pensa facer algunha narrativa máis longa? -Teño esa idea e traballo nela, mesmo desde antes deste libro. A historia está na cabeza, aínda que me está a custar, porque é unha dinámica diferente. -¿Que opina da polémica polo ensino do 50% en galego o próximo curso? -É unha porcentaxe aínda escasa. Parece irónico que, perante a situación do galego, alguén proteste por discriminación do castelán. Como docente de castelán que son a visión disto é sempre algo rara.