Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

A Casa da Conga como emblema

La Voz

SANTIAGO

23 sep 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

A Casa da Conga é o edificio elixido pola Delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia para a homenaxe que a entidade rende cada ano a unha construción emblemática con motivo do Día Mundial da Arquitectura, que se celebra o vindeiro 1 de outubro, baixo o lema Transmitir a arquitectura de emisión cero . Esta efeméride está auspiciada polo Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España e a Unión Internacional de Arquitectos.

Dáse a circunstancia de que a Casa da Conga, o edificio barroco que pecha a praza da Quintana polo sur, é na súa meirande parte propiedade da organización que agrupa aos arquitectos galegos, que ten alí a sede galega e nunhas semanas terá tamén á da delegación de Santiago.

A historia deste inmoble vén de lonxe. Levantouse no primeiro terzo do século XVIII nuns terreos do cabido da catedral, que tiña sobre elas unhas construcións que lles alugaba aos comerciantes para vender os seus produtos. Pero decidiu construír casas para os cóengos, e encargoulle o proxecto a Domingo de Andrade, que o realizou en 1709. Este gran arquitecto deixou a súa pegada na catedral, porque é o autor da Torre do Reloxo e da Casa da Parra, entre outras intervencións neste conxunto, entre elas os cambios que introduciu no deseño que fixo Jesús de la Pena de Toro para a Pórtico Real, (que na actualidade é a porta de acceso á tenda da basílica), incluída na estrutura barroca coa que se pechou a catedral románica pola parte da Quintana. O encargado da execución das obras foi Fernando de Casas Novoa, discípulo de Andrade, que concluíu o edificio no 1713.

Pero a desamortización de Mendizabal mudou o rumbo da histórica casa, que naquela operación pasou a ser a sede de Telégrafos en Santiago, e tamén chegaron a estar nunha ala ata hai uns anos os estudos de Radio Nacional de España. Ademais, e tamén pola desamortización dos ben das Igrexa, pasaren a mans privadas as diferentes partes altas e baixos do edificio. Todo elo conlevou que ao longo do século XIX experimentara cambios e alteracións na súa estrutura.

O Colexio Oficial de Arquitectos adquiriu a finais do pasado século a parte dereita do edificio que se abre á Quintana para instalar a súa sede. Levou a cabo unha importante remodelación interna e poucos anos despois adquiriu o resto da parte alta da Casa da Conga, que tamén experimentou unha importante rehabilitación. O COAG ampliou así as súas dependencia, e aínda queda espazo para situar nesta casona as oficinas e outros servizos da delegación compostelá do colexio dos arquitectos, que se trasladará a elas en breve deixando as da rúa Ramón Piñeiro.