José Luis Guerín recibe en Cineuropa o recoñecemento aos seus traballos

La Voz

SANTIAGO

21 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Unha carreira singular, unha distancia constante coas taquillas e unha ollada que se fixa en aspectos menos obvios que a narrativa común. José Luis Guerín recibe hoxe o premio Cineuropa e, de camiño, o recoñecemento dun público insistente co seu cine.

O cine de Guerín é habitual en Cineuropa e, de feito, a cinematografía deste director conseguiu encontrar nos festivais un acomodo que aínda resulta imposible en espazos máis amplos.

En moitos sentidos foi precisamente este director o que descubriu para os públicos hispánicos as posibilidades cinematográficas e narrativas que sobrevivían no xénero documental, sobre todo aquelas menos ligadas ao mundo xornalístico.

En construcción, exhibida en Cineuropa, marcou un cambio na maneira en que os espectadores percibiron o documental, pero tamén un xeito diferente de explicar como cambian as cidades e, con elas, as sociedades.

Esta noite, desde as 21 horas, José Luis Guerín, que foi premiado hai anos no festival de Ourense por Tren de sombras, recibe a homenaxe de Cineuropa antes de da proxección da súa película máis recente, En la ciudad de Sylvia, interpretada por Pilar López de Ayala.

A longametraxe foi estreada o pasado mes de setembro, pasou por Venecia e tamén participou no festival de cine de Nova York. Entre os premios deste director, conseguiu o premio Nacional de Cinema catalán en 1999 e o Nacional de Cinematografía en 2001.