A xornada soleada de onte contribuíu ao éxito de participación na celebración do tradicional entroido na parroquia de Oza (Teo), na que se ven festexando de maneira ininterrompida dende hai décadas e que nos últimos anos incorporou ás mulleres na comitiva dos correos e xenerais.
A comparsa, na que tomaron parte arredor dun cento de veciños, percorreu todos os lugares da parroquia ate concluír pasadas as oito da tarde no mesmo punto do que partiu ás doce do mediodía, no campo da festa de Agoso. Alí tivo lugar o acto central da xornada, os atranques entre os dous bandos de xenerais, que dedicaron as consabidas parodias, cheas de retranca e ironía, a cuestión da política local e estatal, e mesmo fixeron un dó dialéctico entre os reis de Marrocos e España.
A xornada de rexouba implicou a todos os veciños, porque o longo percorrido dende Agoso discorreu polas aldeas de Cachón, Outeiro, Laña, Vilanova, Eo dos Menecos, Eo dos Ferreiros, Rivas, Cepeda e Castres, ademais de Os Verxeles, A Palloza, Piro e Hermida. Pero as paradas non se limitan a un punto de encontro común en cada lugar como un cruce de camiños. Ademais diso, a comparsa vai parando en moitas das casas das aldeas, cando non en todas, para que o xeneral lle die os consabidos vivas ao patrón da familia, que os agarda logo de ter sido avisado polo correo da comitiva. Os vivas vense compensados co diñeiro que en cada caso queiran dar a xente desa casa, que vai recadando o caixeiro da comparsa. De paso, na maioría das casas danlles a proba de orellas e filloas. Os cartos destas contribucións veciñais poden chegar aos 3.000 euros, segundo indicou o presidente da comisión organizadora, Javier Fandiño, facendo unha estimación polo resultado doutros anos, porque o fondo de onte aínda estaba sen contar. Son cartos que xuntan van parar a comisión de festas da parroquia.
A comparsa de Oza, que presiden os correos e xenerais, con abandeirado e caixeiro, ten a parte máis lúdica no coro de vellos, composto por persoas disfrazadas, e no coro de bonitos, vestidos con máis primor, sen que falte a música tradicional e algunha carroza.