A paixón por desenvolver a música contemporánea é o motor co que se pon en marcha unha nova formación de música de cámara, Ensemble S21, que este serán ofrece no CGAC o seu concerto de presentación, o primeiro paso dunha temporada para a que xa teñen comprometida a súa participación en varios programas e festivais coma o Vía Stellae , o evento estival que organiza a Xunta de Galicia e dirixe José Víctor Carou.
Os membros fundadores desta nova formación son Jorge Montes, violín; Carlos García Amigo, violoncello; Vicente López Puig, clarinete; e Julio Mourenza, piano, con Paco Yáñez como director artístico. Explican que se propoñen desenvolver un proxecto no que ademais de recuperar no seu repertorio a compositores da primeira metade do século XX, interpretarán obras de autores vivos que van compoñer para eles, como José María Sánchez-Verdú, Luis de Pablo, Cristóbal Halffter, Rodeira, Canco López e Imanuel Nunes. Pero tamén van promover a creación interdisciplinar, máis aló da música, co programa Correspondencia(s) que busca establecer diálogos coas demais artes, empezando pola fotografía, e coa poesía de Paul Celan, Valente e Rilke, entre outros autores.
Os integrantes deste cuarteto, que ten vocación de medrar, «pero dende abaixo, sempre e cando existan sinerxias a nivel persoal e musical, explorando todas as combinacións posibles con outros músicos, pero non a calquera prezo». Os catro son profesionais entregados á musica en corpo e alma. Jorge Montes (A Coruña, 1982) é profesor do Conservatorio da Coruña dende hai un ano e desenvolve unha carreira musical como solista e orquestral, colaborando en moitas ocasións coa Sinfónica de Galicia e coa Real Filharmonía. Julio Mourenza (A Coruña, 1969), tamén é profesor no Conservatorio Superior da Coruña, concertista e músico de cámara que colabora con distintas figuras do panorama internacional, e que recentemente formou un dúo coa violonchelista Clara Groba. Os outros dos compoñentes deste Ensemble están vinculados a Compostela como membros da Real Filharmonía, da que Vicente López Puig (Valencia, 1969) forma parte dende a súa creación como clarinete coprincipal, tendo actuado cos máis relevantes directores e grandes orquestras. Igual que Carlos García Amigo (A Coruña, 1973), que forma parte da RFG dende o 2001, e dende o 2005 de Chelicia, Grupo de Violonchelos de Compostela. Nos comezos da súa intensa traxectoria tamén formou parte de In Itinere, da USC.
Paco Yáñez, o único compostelán do grupo, pedagogo e crítico especializado en música contemporánea, é rotundo ao afirmar que existe «unha falta de compromiso nas orquestras galegas polos compositores contemporáneos galegos, porque aínda que a RFG estrea pezas dalgúns deles, é unha ratio moi baixa e ademais optan por unha estética que foxe do risco das vangardas musicais».
Por iso, queren recuperar o espírito dos talleres de música contemporánea que organizara o Centro Galego de Arte Contemporánea coa Universidade, logo de que a institución universitaria dera por acabadas as xornadas que acadaron unha relevancia singular a nivel do Estado a primeiros dos 80. Este grupo «non nace buscando o fácil», e aseguran que teñen un compromiso didáctico coa cidade «con ensaios abertos e programas de contrastes, con autores de distintas épocas.