Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

«Os malabares son unha arte que xera materia gris»

Concha Pino

SANTIAGO

Explica a preuniversitarios as aplicacións lúdicas dunha ciencia que define como «unha linguaxe apaixonante»

15 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

As matemáticas resolven, son unha ciencia exacta sen ensaio-erro, unha hipótese e unha demostración que nos dá unha tese». Quen o di é un namorado desta ciencia, que define como «unha linguaxe apaixonante, toda unha filosofía». Tamén é artista multidisciplinar. Fai malabares, é pallaso, actor e músico entre outras facetas. Como dar charlas de divulgación científica a alumnos que están ás portas da universidade. El é Pablo Reboleiro (A Coruña, 1977), que aclara que seu pai é do Caurel e súa nai de Noia, «dous puntos distante moi importantes para min, sen os que non sabería como é o raposo e cousas do mar». E fala mentres cociña un prato de pasta con verduras, «porque son vexetariano».

-¿Aprendeu malabares de rapaz?

-Aos 20 anos. No instituto fun bo estudante, pero cando empecei a carreira aburríame e tardei seis anos en rematala. O primeiro ano non fixen nada, pero paseino moi ben. Movinme nos ambientes alternativos de Santiago. Empecei cos malabares e non se me daban mal, así que acabei formando parte dun grupo, a traballar nisto. E descubrín aos pallasos e que me gustaba contar outras cousas. Estudei teatro e entrei nunha escola de circo en Londres. -¿E as matemáticas ? -Rematei a carreira, porque as matemáticas son apaixonantes. As matemáticas puras, que son as que me gustan, o rollo abstracto, pensar, resolver problemas, pero non facer exercicios. -¿Canta ciencia matemática hai nos malabares? -Moita. Nos 80 descubriuse a maneira de describilos con números. Afondei niso e antes de ir á escola de circo practiquei, fun un pouco máis lonxe e estudei estruturas. Son unha arte que esixe moito entrenamento físico e cálculos. Claro que hai quen os fai sen calcular nada. Son unha mecánica só aparentemente. Demostraron que son o único xeito que se coñece de xerar materia gris, que é a arte que máis desenvolve a intelixencia. Unen á parte física, de preparación e entrenamento, a mental, unha gran capacidade de abstracción e cálculos matemáticos. -¿Daquela, de que lles falou aos rapaces na charla? -Disto, das posibilidades de aplicar esta ciencia aos malabares, pero dun xeito lúdico e ameno, de divulgación científica. Os adolescentes son a franxa de público máis difícil, pero as charlas están tendo unha resposta impresionante. -¿Todo está calculado? -Non todo, pero case. A comedia é unha regra de tres infalible, pero a norma non funciona para os pallasos, un personaxe que fai dos erros a súa virtude.