A intérprete dá vida aos últimos momentos da pintora mexicana na última montaxe de A Internacional
23 sep 2008 . Actualizado a las 02:00 h.«Espero que la marcha sea feliz y espero no volver». Estas foron as últimas palabras no diario de Magdalena del Carmen Fridha Calo Calderón, coas que, breve e contundentemente, deixou constancia do tormento que supuxo o súa curta viaxe pola vida. A compañía compostelá A Internacional estrea hoxe no Teatro Principal Frida , ás 21.00 horas, unha revisión escénica dos últimos momentos da pintora mexicana Frida Kahlo, personaxe ao que dá vida a actriz Manuela Varela, quen comparte o papel coprotagonista con Alfredo Padilla, no papel de Diego Rivera. Horas antes da estrea, Manuela ensaia vestida cun camisón, como encarnando á Frida nena.
-¿A obra comeza con Frida de pequena?
-Comeza cando ela chega á Casa Azul porque lle van a cortar a perna esquerda. Nesas circunstancias ela fuxe do hospital e marcha á Casa Azul, onde naceu. En realidade é unha primeira evocación de cando ela tiña 7 anos, de cando padeceu a polio e pasou moito tempo na cama. Así comeza a obra.
-Unha evocación para fuxir do sufrimento que lle persegue.
-Toda a obra é unha evocación dese momento e doutros moi importantes da súa vida. Frida tamén evoca a súa nenez porque nace coa revolución, cando está co seu mozo Alejandro ou cando coñeceu a Diego Rivera. Tamén evoca o accidente, cando tiña 18 anos.
-Esa imaxe inicial, de nena, reflicte xa o destino que a marcaría, de sufrimento e rebeldía.
-No seu diario ela xa facía fincapé en que non tiña apoios para andar. Unha perna a tiña moi delgada, pola polio, e agora que xa era adulta tiñan que cortarlle a outra. Todo iso se reflectía nos seus cadros.
-¿Que aspecto da personalidade de Frida lle impresiona máis?
-A súa rebeldía. Ela naceu en 1907, sen embargo dicía que non, que naceu coa revolución, que foi en 1910. Porque o que a define como persoa é a rebeldía, a revolución. Ela rebelábase contra todo o que a afectaba, fose a dor física, o amor ou a política. Se non fora así Frida non levantaría cabeza. Quixo coñecer a Diego Rivera aínda sabendo que era mullereiro, pero ao contrario das mulleres da súa época vestíase como home e metíase en grupos activistas e comunistas.
-O director, Jorge Rey, prantexoulle traballar desde a súa verdade, desde o que sentiría vostede. ¿Se lle fixo fácil ese distanciamento do personaxe?
-Si. Unha das premisas de Jorge cando comezamos o traballo era que non lésemos nada de Frida nin de Diego Rivera, que non mirásemos imaxes para tentar imitalos, pois son personaxes moi coñecidos. Empezamos a traballar desde o sentimento do actor pero procuramos sempre resolver as situacións contextualizándoas, adaptándoas á época. Procuro que o espectador vexa que traballei ese sentimento desde a verdade e que vexa estou emocionada.
-¿Hai moito espazo para a emoción?
-Si, moitos sentimentos diferentes. Esa é a maxia do teatro. Penso que facemos un traballo con moito cariño, coidado e sinceridade, sen caer na imitación.