«La batalla de los coros» é a plataforma de lanzamento desta compostelana namorada do heavy e o rock
17 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Hainos que levan a arte no sangue. Lucía da Fonte, unha compostelá de 22 anos que forma parte do grupo que dirixe Marta Sánchez en La batalla de los coros, o novo talent show de Cuatro, tivo que agardar ata os 14 anos para sacar a artista que había nela. Despois de pequenos proxectos con grupos da cidade, deu o salto á pequena pantalla neste concurso.
-¿Como entraches en «La batalla de los coros»?
-Cada un dos mentores tivo que escoller unha cidade na que realizar o cásting para o coro e Marta Sánchez escolleu A Coruña. A maioría de nós somos galegos, pero escoller Galicia non impedía que se presentase xente doutros lugares. No meu grupo hai un canario, tres asturianos e un venezolano.
-¿Como levas a tensión do programa?
-De luns a xoves temos ensaio en Madrid, e os venres na Coruña hai un con profesor de canto, que prepara o tema da semana. Ademais hai que ensaiar a coreografía, porque temos moita. E os mércores pola noite teñen lugar as galas. Traballamos moito porque ao mellor ensaiamos 12 horas cada día.
-Sempre quixeches dedicarte a isto ¿non?
-Sempre me gustou o mundo, dende moi pequena, pero ata os 14 ou 15 anos non me decidín a entrar. Cando era pequena facía baloncesto no Don Bosco e quedábame a espiña de intentalo. Así que no instituto xuntámonos un grupo de amigos e formamos un grupo. A partir de aí decidín comezar a educar a miña voz e a estudar música de xeito autodidacta, coa axuda da miña profesora de música.
-A ti gústache o heavy, pero no programa o estilo é máis ben pop.
-Facemos versións e gústame aínda que non sexa heavy ou rock. Esta semana tiñamos un tema de Camilo Sesto, cunha base rítimica máis funky que soa estupendamente.
-¿Dedícaste só á música?
-Son licenciada en psicopedagoxía e estou facendo un máster en terapia familiar, porque teño claro que polo de agora da música non vou poder vivir e isto é cuestión de sorte. Así que me asegurei de ter un traballo de luns a venres e logo dedicarme á fin de semana ao que me gusta.
-¿Agora mesmo tes algún outro grupo?
-Agora estou nunha banda que se chama Meiga do Norte. Coñecinos por Internet a través dun anuncio no que buscaba un grupo. Xuntámonos, comezamos a compoñer e xa temos bastantes temas propios e demos algúns concertos.
-¿Como ves o panorama musical galego?
-Creo que cada vez está mellor, pero tampouco teño moita perspectiva porque levo metida só un ano. Eu tiven sorte, porque hai xente que non ten tantas oportunidades. O que vexo é que o que ten saídas en Galicia é a canción das orquestras máis que outros estilos.