Con esa idade, Pura Iglesias, unha veciña do concello de Rois, acaba de cumprir un soño ao ver publicados nun fermoso libro os versos nos que narra parte da súa vida
16 jun 2009 . Actualizado a las 10:35 h.Aos seus 93 anos, Purificación Iglesias Alonso, unha veciña de Liñares, acaba de vivir un dos momentos máis entrañables da súa vida ao ver recollidos nun libro os versos que comezou a escribir un día e nos que conta boa parte da súa existencia nesa aldea do concello de Rois. O pasado domingo, a familia de Pura reuniuse na súa casa, xunto con outros achegados, para celebrar que as palabras que escribiu a matriarca viron a luz, nun fermoso libro de poesía titulado Memorias dunha vida...unha vida para a memoria e editado pola súa neta Paloma.
Xunto cos versos, que Pura comezou a escribir nunhas follas soltas, a publicación inclúe un bo número de fotografías do arquivo familiar (entre os anos 1925 e 2009) e que tamén relatan momentos da vida desta muller a que lle encanta escribir e ler o xornal, sobre todo as noticias de política, segundo conta.
Pura dedicou o libro á súa familia, aos amigos e aos clientes do establecemento que agora rexenta a súa filla Alicia, pero que é a súa vida despois de casar con Andrés Vidal, o seu home, e para quen as netas tiveron unha lembranza no acto do domingo. A familia, os amigos e os clientes do establecemento -por el «amor que me aportaron a lo largo de mi vida, di Pura no libro- centran boa parte das lembranzas desta veciña de Rois, que foi «máis cociñeira que outra cousa», segundo di ela mesma e que aínda hoxe en día segue metida nos fogóns.
Xa de rapaza, na escola, tiráballe a poesía, o verso, e agora, coa publicación do libro, ve un «soño cumprido», segundo explicou outra neta, Eva, de modo que despois de entregar os folios escritos para que os editaran, a muller tiña un pouco de teima de non chegar a ver os versos publicados.
Agora, Pura conta que «levoume pouco tempo escribir o libro aínda que, cando rematei, xa me pesou non poder meter máis cousas da miña vida», di antes de recoñecer que estaba «nerviosa e emocionada» o día da presentación do libro, do que viron a luz 50 exemplares, todos eles numerados, para a familia máis directa. «Escribín a miña cabeza, fun poñendo a miña maneira; de noite, pensaba na cama e, de día, escribía. Así saíu todo ben», engade. Co libro na man, cunha foto súa na portada do ano 1945 e con outra da actualidade na contraportada, Pura recoñece que «aínda teño dúbidas de se seguir escribindo ou non porque me quedou moito sen contar, xa que 93 anos dan para moito», e máis aínda cando se ten unha moi boa saúde, como no seu caso. «Todos me queren ben, a familia, os amigos e os bos veciños que temos e iso tamén conta», di rindo Pura.
O libro tamén inclúe un deuvedé cunha entrevista á protagonista. En verso, a veciña de Liñares lembra a súa marcha de nena da súa casa natal en Carracedo, en Caldas de Reis, a Ermedelo, en Rois, xunto cos seus tíos, un deles cura. Fala de como se foi criando e «aprendiendo muchos trabajos, pues todo se necesita»; das mestras que tivo e, en concreto, dunha que era marquesa no Pazo da Ulla. Fala de cando coñeceu ao seu home nunha «feria de compras»; dos afillados aos que lles escribía cartas en tempos da guerra; de cando naceu o negocio familiar e dos seus 93 anos, nos que «nunca fui a un hospital, tengo una salud de hierro, me sienteo genial». Aínda lembra moi ben as penurias tras a guerra, cando «no había para comer» pero o mundo cambiou moito e na actualidade «con la droga y el botellón no ganamos para sustos». Tamén fala dos seus cinco fillos, dos quince netos e dezaseis bisnetos; de tres amigas da súa quinta, Clorinda, Julia e Consuelo, que «ya merecemos una segunda paga, hablaremos con Zapatero», conclúe.
Con 93 anos, Pura cumpriu de sobra: tivo fillos; plantou todas as plantas que hai arredor da casa e, agora, escribiu o libro de poesía. Como di a súa neta Paloma, «para a familia é o mellor regalo que lle puido facer».