O Consello da Cultura Galega promove un encontro sobre as oportunidades que ofrece Brasil

La Voz

SANTIAGO

21 jul 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Oito especialistas brasileiros dos campos das artes plásticas, a comunicación, o audiovisual, a literatura e a música dialogan desde onte no Consello da Cultura Galega con produtores galegos deses mesmos ámbitos sobre as posibilidades de estratexias culturais comúns. As sesións, que finalizan mañá, teñen lugar entre as 10.00 e as 14.00 horas na biblioteca da institución.

O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, salientou a importancia de ser este o primeiro debate con estes obxectivos. Lembrou tamén que, logo dos foros de debate realizados para conmemorar o 25 aniversario da institución, un dos eixos de actuación está orientado para o mundo luso-brasileiro e aí debe figurar ese encontro. Villares lembrou igualmente na súa intervención a traxectoria histórica da vinculación entre Galicia e Brasil.

O coordinador desta actividade, Elías Torres Feijó, profesor da USC, afirma que a lingua, a cultura ou a emigración abren oportunidades que a comunidade galega debe aproveitar para conquistar un espazo no Brasil, o que pode resultar da maior importancia para o progreso e o desenvolvemento do noso país.

Os especialistas brasileiros que participan no encontro son Agnaldo Farias, do ámbito das Artes plásticas; Luiz Ruffato, Raúl Juste Lores e Claudiney Ferreira, do da Comunicación; Tata Amaral e Claudiney Ferreira, do audiovisual; Samuel León, Luiz Ruffato, a ex profesora da USC e prestixiosa investigadora, Yara Frateschi Vieira, da Literatura; e Roberto Lazarini e Luiz Ruffato, que abordarán o ámbito da música.

Segundo o Consello da Cultura Galega, este encontro, que se celebra subordinado ao tema «Estratexias culturais de Galicia no Brasil», seleccionou especialistas brasileiros «con coñecementos da cultura galega, para debater e elaborar conclusións prácticas sobre as posibilidades que a cultura galega, en todas as súas dimensións, pode ter de difundirse ou establecer estratexias conxuntas con parceiros do mundo brasileiro».

A primeira sesión de onte estivo dedicada a «analizar unha situación caracterizada por unha insuficiente presenza de Galicia, da súa lingua e da súa cultura, circunstancia que non resolveron positivamente as institucións españolas nin a actuación desenvolvida ata o momento pola Xunta de Galicia. Así o fixeron constar relatores como Antón Corbacho -un galego que exerce como profesor no Brasil e que participa no acontecemento- ou Raúl Juste».