La paz como cultura: fuentes y recursos de una pedagogía para la paz é o libro que presentou onte na libraría Couceiro Manuel Dios Diz. Preside o Seminario Galego de Educación para a Paz que vén de celebrar o seu 25 aniversario o ano pasado. Con esta obra, responde aos anos que leva traballando dende o seminario e tamén á súa experiencia como docente. Unha das novidades é a lingua. Esta vez publica en castelán co obxectivo de que a obra pedagóxica chegue a máis centros educativos.
?¿A publicación está enmarcada dentro da campaña do Día Escolar pola Paz?
?Si, celébrase o 30 de xaneiro porque é o aniversario da morte de Gandhi, pero este ano coincide en domingo. Tódolos anos facemos unha proposta didáctica. O libro é unha delas, para que se poida traballar con el nas aulas xa durante estes días.
?¿É un compendio de textos?
?Non. Responde ao traballo dos 25 anos que leva o Seminario, á experiencia da práctica educativa. En realidade é unha aproximación histórica de como foron evolucionando as leis, e tamén os textos de Nacións Unidas.
?Tamén ten unha novidade que resalta.
?Si, a lingua. Ata agora sempre publiquei en galego e logo traduciron o meu traballo ao castelán. Mais, desta volta, dende a editorial pedíronme que escribira en castelán, como unha forma de que o material educativo chegue a máis centros educativos, tamén a nivel estatal.
?O ex director xeral da Unesco, Federico Mayor Zaragoza, escribiu o prólogo, ¿que relación ten con el?
?Temos unha relación moi cordial. Tenlle moito cariño ao Seminario e levamos moitos anos colaborando.
?Gran parte do material que inclúe no libro pódese consultar na Rede.
?É verdade, e paréceme importantísimo que a xente teña acceso a este tipo de materiais. Interésame que os poidan fotocopiar e ter á man, na casa, na escola, que os usen. É a único xeito de educar.
?¿Que cambios detectou vostede nos últimos vintecinco anos de traballo?
?En xeral o balance é moi positivo, podemos comezar por ver que a violencia de xénero está recoñecida como tal, e moitos outros tipos de violencia. A nivel escolar foi crucial a asignatura Educación para a Cidadanía, e tamén a creación de observatorios de convivencia escolar.
?¿Queda moito por facer?
?En efecto, dende a familia, a escola, os medios de comunicación, a sociedade... hai moito traballo por diante ata educar na cultura da paz.