Este verán os rapaces de 4 a 14 anos poderán fotografar e soñar con Lee Miller
22 jun 2011 . Actualizado a las 11:08 h.Hai fotografías que quedan prendidas na memoria. Quizás non tantas como cancións, pero se cada historia ten a súa propia banda sonora como un remix de temas cómplices dun tempo, non faltan instantáneas que fixeron historia. Unha delas é a que amosa á vietnamita Kim Phuc, coñecida como a nena do napalm, fuxindo do inferno; esa imaxe foi galardoada co Pulitzer. Outra das clásicas é o bico inmortalizado por Robert Doisneau, quen co tempo confesou que a imaxe non foi unha exitosa captura do azar, senón un pousado en toda regra. A despedida de emigrantes fotografada nos últimos anos cincuenta na Coruña por Manuel Ferrol é particularmente nosa, a historia de tantas familias galegas detida nunha imaxe coa angustia en primeiro plano. Unha das Galicias que quedaron atrás está así mesmo nas instantáneas de Ruth Matilda Anderson que a exposición Unha mirada de antano ofrece ao público nas sedes da Fundación Caixa Galicia.
Nesta aposta de Novacaixagalicia pola divulgación da arte da fotografía entre adultos e pequenos, loce agora o nome de Lee Miller (Nova York, 1907-1977) coa intensidade dos seus ollos claros.
Hai imaxes que falan da súa beleza. Faino con distancia e sutileza o autorretrato que ilustra esta páxina, e que é parte da exposición que a sede coruñesa da fundación acollerá ata o 11 de setembro. Legendary Lee Miller invita a coñecer a unha artista lendaria que comezou pousando ante a cámara e chegou a ser reporteira de guerra, converténdose nunha das pioneiras do fotoperiodismo. As súas imaxes de mulleres ofrecen unha ollada singular do conflito. Este modo fotográfico de ollar de Lee Miller distinguiuse por un surrealismo parco e sarcástico, coma un sorriso tras dous labios pechados, que cedeu terreo á vontade do documentalismo. Había moito que contar. Comezando pola súa vida. Cómpre asomarse a ela.
Pero é a calidade do seu traballo o fío condutor dos obradoiros de verán que Novacaixagalicia deseñou para dous grupos de rapaces, de 4 a 7 anos e de 8 a 14. Achegarse á historia da fotografía, coñecer as técnicas e mesmo soñar espertos entre imaxes de Lee Miller son algunhas das propostas desta iniciativa que revela que a beleza está no ollo de quen mira.