«A USC ten saído de peores situacións de xeito brillante»

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

29 ago 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

«Galicia da door chora á forza/ Galicia da tristura triste á forza/ Galicia do silencio calada á forza/ Galicia da fame emigrante á forza/ Galicia vendada cega á forza/ Galicia tapeada xorda á forza». As sílabas da Letanía de Galicia de Uxío Novoneyra saen con emoción dos beizos de Lois Celeiro mentres lembra o día no que no seu instituto de Lugo a Policía entrou para prohibir que escenificaran os versos do poeta do Courel. Sentado nunha cafetería a só vinte metros do que dende hai máis de dúas décadas é o seu despacho, queda claro que, malia ter nacido en Samos, ten gañado de sobra o título de picheleiro.

Foi en 1986 cando a Universidade de Santiago convocou a praza de xefe do gabinete de comunicación. Celeiro pasara xa por diversos medios de comunicación galegos, entre eles La Voz, e por unha consellería. Gañou a praza entre 17 aspirantes e accedeu ao seu despacho en San Xerome, do que fixo unha pausa entre o 1991 e 1996 para ser xefe de gabinete de Vázquez Portomeñe nos anos da revitalización do ano santo e a promoción do Xacobeo.

Dende a planta baixa da sede da Universidade compostelá ten visto como a institución, unha vez rematada a ditadura, organizaba as súas primeiras eleccións a reitor, «que tiveron máis expectación mediática que as autonómicas». Tres días de sesións no claustro con intensos debates entre Carlos Pajares e Xosé Manuel Beiras deron como resultado a vitoria do primeiro. Dende o seu despacho ten visto tamén a segregación da daquela universidade de Galicia en tres institucións distintas, a inicios da década dos 90, e viviu as mobilizacións da LOU. Agora, a Universidade está de novo nunha etapa de cambio, a de adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior. Lois Celeiro volverá dar conta dende o gabinete de comunicación da USC da súa historia.

«Se non hai dotacións e hai descontento, o cambio é difícil que prospere», afirma cando comeza a ventar na rúa Raxoi. A USC está completamente inmersa nese proceso, pero «ten saído de situacións peores de xeito brillante», algo que non dubida que acontecerá unha vez máis.

Labrego das mensaxes

«O día que lle contei ao meu pai que ía estudar xornalismo, díxome que era mellor que fixera unha carreira, que estudara para mestre ou avogado», lembra Lois Celeiro cun sorriso. A súa é unha historia de esforzo, tanto persoal como de toda a súa familia. Fillo de labregos, aínda se considera un «labrego das mensaxes» e lembra con moito agarimo á súa mestra en Sarria, dona Leonor Mera, que o axudou nos seus estudos. Iba para matemático, pero unha conferencia de Celso Emilio Ferreiro e unha cea posterior con Xesús Alonso Montero en Lugo convencérono de converterse nun «facedor de historias». Ri ao lembrar que o convenceron «porque, trabucadamente, crían que o xornalismo podía cambiar o mundo».

Así que marchou para Madrid a estudar na Complutense. «Como tiña que traballar, abrín unha zapatería no barrio de Malasaña» que co paso do tempo chegou a ser un dos centros culturais e de tertulia máis importantes do barrio. Compartiu aulas e amizade con moitos dos grandes nomes da comunicación galega actual, como Xosé López, Carlos Carballo e Manuel Rivas.

Con toda unha vida dedicada á comunicación sobre o seu lombo, hoxe tamén é profesor na facultade de Ciencias da Comunicación. ¿Hai vocación? «Os alumnos entran con vocación e con moi boa base, e son dos máis solidarios que vin», explica. O futuro, logo, está asegurado.