A música ten unha linguaxe propia, pero de intentar traducila, ¿por que non en inglés? A idea de facer sonar silencios, corcheas e claves de sol ou fa con acento anglosaxón é teima de Lourdes Sánchez (Tucumán, 1966). Da súa historia en Los Ángeles naceu a curiosidade polos síncopes, pero tamén polos escenarios. «Alí había audicións todos os meses». Así, a cohibición apenas era un recordo despois de todo un ano de enfrontamento aos patios de butacas sen temor a unha tecla rota. Sánchez toca o piano e tamén ensina a interpretar. Desde o seu punto de vista, «hai moito talento por sacar adiante, moita creatividade, pero moita inhibición». É importante, pois, aproveitar que a música non sabe de fronteiras, para que tampouco as creen os idiomas. E nun galego ben afinado, Sánchez engade: «Utilizo expresións musicais en inglés, porque as vivín».