O novo espectáculo do bailarín mestura danza tradicional galega con danza tribal oriental e aproveita esa fusión para contar unha historia de amor baseada na tradición
20 ene 2012 . Actualizado a las 06:00 h.| As mouras aínda existen. Foron seres míticos que gardaban tesouros, botaban feitizos e vivían en espazos pouco tocados pola ambición do ladrillo. Agora son protagonistas das lendas e son, tamén, un dos argumentos do novo espectáculo de Quique Peón, Alén da croa, que esta noite se estrea en A Coruña.
Sete bailaríns sobre o escenario e a intención, unha vez máis, de que a danza tradicional conta unha historia. Para Henrique Peón o espectáculo é «unha tremenda historia de amor», pero ademais «quere ser a demostración de que se poden contar historias aproveitando os movementos da danza tradicional».
Peón explica que a intención do espectáculo é seguir o fío argumental e aproveitar «para mesturar a danza galega con outros tipos de danza». Neste caso, explica o bailador que o punto de partida son as lendas das mouras en Galicia: «Sempre me chamaron a atención e sempre penso que estamos faltos de saber das nosas cousas». Explica que a mesma palabra moura levou a pensar no oriente e na danza oriental e por iso decidiu «incorporar elementos de danzas orientais e mesturalos, por exemplo, coa ribeirana da Costa da Morte». Nese proceso, Peón reuniu primeiro diversas lendas de mouras en Galicia e logo incorporou aos movementos galegos movementos procedentes de danzas tribais do medio oriente.
«Quixen ir un paso máis adiante do que se supón que ten que facer a danza tradicional, así que falei con Ruth de la Huerga, que ten traballado no Cairo, e comezamos a fusionar os movementos». Explica o bailador que hai outro elemento que facilitou a ligazón: «Nas lendas, as mouras transfórmanse en serpes e o movemento das serpes encaixa moi ben coa danza sinuosa no Oriente».
Alén da croa quere ir máis alá, segundo o seu director, e explica o título: «Croa é a parte alta que pecha un dolmen e tamén é a entrada ao submundo no que vivían as mouras. Nós quixemos ir un pouco máis alá desa porta de entrada».
Trala estrea coruñesa desta noite, a compañía de Quique Peón repetirá mañá no mesmo escenario do Rosalía de Castro e logo ten fixadas funcións en Arteixo, Vigo e Ourense nos próximos dous meses, ademais de ter prevista a participación no festival Madrid en Danza, un encontro no que, segundo Peón, «non é fácil participar para unha compañía que procede do tradicional».
Neste sentido, explica o director que hai un certo desprezo pola capacidade artística da danza tradicional que fai que as compañías descarten utilizala como unha linguaxe máis, un descarte que Peón atribúe ao «descoñecemento». «Sempre parece que a danza é algo menor, así que non se ten en conta cando se programa danza e parece que forma parte doutro mundo diferente». Quique Peón explica que o reto é «incorporar á danza tradicional cando se quere facer o espectáculo, pero, claro, para incorporala ben hai que saber o que é o tradicional, os seus movementos». Peón entende que é arriscado tentar levar á danza tradicional «ao primeiro plano artístico», pero non tanto polos materiais cos que se poden traballar como por esa desatención ao tradicional.
«ALÉN DA CROA» | Compañía de Quique Peón | Teatro Rosalía de Castro | Venres e sábado | 20.30 horas || Entre 6 e 13 euros