O autor pon en marcha no seu blog unha novela por entregas que quere ser tamén unha ponte con América
27 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.Un xastre centenario, o director dun xornal de ámbito comarcal, un matrimonio de orixe alxeriana ou un correspondente de guerra son algúns dos protagonistas da novela por entregas Sempre perden os mesmos, coa que o escritor Pere Tobaruela (Barcelona, 1965) recupera un xeito de facer literatura que non é novo, aínda que si no formato: a través do seu blog (sempreperdenosmesmos.blogspot.com) e de balde.
-¿De onde xurde a idea da novela por entregas?
-Dunha reflexión sobre o momento da literatura galega. Custa que público en xeral merque narrativa para adultos. Quitando un par de excepcións, como poden ser Os fillos do mar ou os premios Xerais, non é doado que un libro en galego pase da primeira edición. Penso que hai algo que non funciona ben, e é unha crítica que estendo a min mesmo. Non conseguimos enganchar co lector ou ben o público non está afeito a ler en galego. Así que decidín saír pola tanxente: aquí non hai a escusa do prezo, trátase dunha novela por entregas, de balde, que segue a idea decimonónica que xa usaban algunhas revistas en Inglaterra.
-¿E funciona?
-Fíxeno máis por intuición que por convencemento. O día 23 saíu o primeiro capítulo e, cada venres, engadirei un novo, así durante doce semanas. O contador que inclúe o blog xa leva máis de mil visitas, iso dá idea de que está a ter boa resposta, é unha iniciativa que esperta curiosidade.
-¿E economicamente resulta?
-Non é unha ruína. Eu estou vendendo a marca, a Pere Tobaruela. Evidentemente, as miradas curtopracistas poden pensar que non saco rendemento económico, pero quen sabe, nun futuro...
-¿E seguir autoeditándose en formato libro electrónico, que tamén é barato?
-Nesas xa estou. Isto responde a unha intuición, por facer algo diferente, propoñer tamén un debate máis aló dun simple libro, arredor do mundo da edición.
-¿Deixa os comentarios do blog abertos?
-Si. E a xente está moi agradecida, é o caso dunha lectora de Chile. Tamén serve como iniciativa para crear pontes cos galegos que están fóra. Chégame moita xente desde Estados Unidos, desde Chile, Arxentina, é un xeito de reforzar esas pontes necesarias.
pere tobaruela escritor