«A diferenza das estrelas de rock, os grandes da clásica son humildes»

SANTIAGO

Rogelio coñece Santiago á perfección e, como bo cociñeiro, na Praza síntese como na súa casa.
Rogelio coñece Santiago á perfección e, como bo cociñeiro, na Praza síntese como na súa casa. Xoán a. Soler< / span>

Coma conserxe do Auditorio dende hai 25 anos coñece centos de anécdotas

20 abr 2015 . Actualizado a las 11:53 h.

Rogelio Fernández pasou -literalmente- a metade da súa vida no Auditorio de Galicia, onde é conserxe dende que se inaugurou o edificio hai 25 anos. Un cuarto de século cheo de anécdotas, tratando de preto con figuras ilustres como Pavarotti, Montserrat Caballé ou Alfredo Kraus. Afeccionado á música clásica, a Springsteen e á música en xeral-, o posto de Rogelio no Auditorio vén sendo o mesmo que para un seareiro do fútbol ter un apartamento dende o que ve os partidos do seu equipo. É dicir, todo un privilexio.

Leva Rogelio cinco lustros acomodando nas súas butacas ao público compostelán, atendendo as peticións dos representantes dos artistas -«os peores, son máis papistas que o papa», di-, e mesmo chegou a intervir no desaloxo dalgún alcalde, aínda que é elegante e evita falar diso. Nos primeiros anos do Auditorio traballou alí como garda nocturno e tamén botaba unha man coa montaxe dos decorados e a tremoia, con algún que outro sobresalto.

Recorda que un compañeiro, axudando nas subidas e baixadas do pano, quedou pendurado dunha vara a uns vinte metros de altura. Lembra tamén o ataque de risa de Caballé, quen tivo que interromper o seu recital en Santiago logo de que o seu marido, entre o público, batera contra un extintor facéndoo caer ao chan e mobilizando aos escoltas de Manuel Fraga que confundiron aquel son cun disparo.

Rogelio sostén que os artistas da música clásica, a diferenza das estrelas de rock, non son pedichóns nin de moitas excentricidades. Asegura que «canto máis grandes, con máis humildade tratan aos demais» e reivindica tamén o papel que ten a Real Filharmonía de Galicia para a cidade. «É un valor moi forte ao que non se lle está sacando todo o partido que se pode», di convencido, e bota en falta non ver a máis xente nova asistindo aos recitais de música clásica.

El, que dedicaría a súa vida a viaxar polo mundo se lle sobrasen os cartos, ten visitado os grandes auditorios nacionais e doutros países, «nos que os prezos son case prohibitivos», sinala. «Aquí, sen embargo, chegamos a ver as mellores orquestras do mundo por uns dez euros», engade Rogelio, quen tras 33 anos en Santiago defende todo o bo que ten a cidade que o acolleu cando aínda non cumprira a maioría de idade.

Chegou con 15 anos para estudar BUP no antigo Xelmírez (hoxe a Xunta) e comezou a traballar cursando COU no bingo Casino que había na rúa Nova de Abaixo, onde vivía daquela. Houbo un momento no que chegou a compaxinar o emprego no bingo, de catro da tarde a catro da noite, con outro a mediodía dando de comer aos estudantes e sacando a súa vez o Graduado Social.

Rogelio recoñece ser un home inquedo e resulta toda unha caixa de sorpresas cando comezas a escarvar. Resulta que é o tesoureiro do grupo de música tradicional Ultreia dende hai 15 anos e non só sacou o Graduado Social, tamén se formou como cámara de televisión e cociñeiro. As súas dotes como chef sácaas entre amigos, adora o produto da praza e gústalle arriscar entre fogóns. Goza tamén descubríndolle a cidade a visitantes e composteláns.

«Non estou a favor da nave 5, xa hai suficientes bares en Santiago e mata o carácter da Praza»

Rogelio defínese coma un «cociñeiro social» e tira partido dos seus estudos de hostalería para proveito dos seus amigos e dos comerciantes da Praza de Abastos, de onde saca a meirande parte da materia prima. Tan cómodo se sinte no mercado compostelán, que este é o seu recuncho favorito da cidade, aínda que é dos que non están a favor da recentemente inaugurada nave 5. «Xa hai suficientes bares en Santiago e mata o carácter da Praza», argumenta.

O veciño de Santa Marta declárase un namorado da cidade. «É absolutamente preciosa», afirma rotundo. O casco vello ou a tranquilidade coa que paseas polas súas rúas e parques son algúns dos alicientes que fan que Rogelio saque peito coma compostelán. Bota en falta, sen embargo, que se aumente a zona verde das Brañas de Sar para convertela no gran parque de Santiago. E, sobre todo, unha reordenación do tráfico, que para el é o maior problema que ten hoxe en día a cidade. «Habería que sacar os coches todos do casco histórico», sinala, e «pechar o periférico por detrás do Pedroso». «Santiago é unha cidade para desprazarse a pé e iso supón que ten que funcionar ben o sistema público de transporte», continúa.

Rogelio, tras máis de tres decenios como veciño de Compostela, lamenta que «cada día hai menos unión cidadán e máis individualismo». Atribúe, en parte, ese déficit de «compostelanismo» a que «falta un referente novo no plano político, que teña un plan integral para a cidade e que teña claro que facer nela». E, por parte da cidadanía, apunta tamén que «a xente antes era tremendamente tolerante». E, por exemplo, nos anos dourados da Universidade «os veciños do centro non nos queixabamos do ruído nocturno».