
O actor e o debuxante Luis Davila esgotaron as entradas co seu espectáculo «Menú de día»
16 dic 2015 . Actualizado a las 12:12 h.O espectáculo Menú do día do actor Carlos Blanco e o debuxante Luis Davila esgotou as entradas tanto onte como para as dúas sesións de hoxe no Principal en Santiago.
-¿Que hai de «menú» nestas representacións en Santiago?
-O teatro cheo as tres funcións. Non quedan entradas. Mesmo valoramos facer unha cuarta pero era un pouco problemático polos nosos técnicos e os do teatro. Penso que daríamos enchido unha cuarta. E o que temos de menú é un sabor moi doce porque tardei moitísimo en estar con este espectáculo no Teatro Principal. Aínda que o estamos pechando, encher por tres veces o Principal, un martes e un mércores en decembro, non é fácil. E entón o sabor é moi doce. Xa estamos preparando Menú da noite. Estamos moi contentos.
-En «Menú da noite», ¿seguirá colaborando con Luis Davila?
-Si, de aí o nome. É unha segunda parte. Será unha nova maneira de encontrarnos en escena, de combinar o seu traballo e o meu, que é o máis interesante que ten este espectáculo. Démoslle unha volta ao que é o monólogo, visualizando todo... Cubre así o oco que pode ter o monólogo humorístico, que normalmente é moi pobre visualmente. Xustamente aquí é moi rico visualmente. Foi un espectáculo que nos levou a moitos lugares e que nos deu moitas alegrías.
-Un debuxa, o outro conta, ¿a quen atende máis o público?
-Témolo bastante controlado iso. É verdade que moitas veces dinme ?vouna ver outra vez porque na primeira fixeime máis en ti e agora queríame fixar máis nos debuxos de Luis?. Penso que é máis como se vés unha película en versión orixinal subtitulada. Sempre hai algo que te perdes pero a combinación é moi interesante... Hai momentos que o traballo é completamente á par. Métome con Luis e fágolle borrar cousas e corrixir. En Menú da noite incidiremos no traballo en común. Serán esketchs máis breves. Levámolo preparando dende agosto e Menú do día levounos un ano. Hai que entender o lento que é debuxar e o rápido que é falar... Combinar iso é complicado.
-A retranca triunfa...
-Os dous, Luis e eu, somos unha potencia en retranca. Creo que diso temos para exportar. O bonito é que os mundos son os mesmos, que traballamos a mesma leira de formas diferentes...
-¿Fai falla ser galego para entender a retranca ou xa conseguimos universalizala?
-Penso que é un humor perfectamente exportable, igual que nós entendemos o dos Monty Python ou Chaplin. Se non o exportamos máis é porque é un espectáculo complexo. Somos un equipo de seis persoas para desprazarnos e non é tan portátil como unha persoa soa. E, ao fin, teño a empresa. Do que sacamos da venda de entradas pagamos os gastos, non temos axudas practicamente ningunha para poder exportar o produto.
-Con un ano de traballo, ¿a improvisación queda relegada?
-A idea é improvisar sobre algo moi sólido. A xente pensa que a improvisación é dicir o primeiro que che ven a cabeza. Non podes improvisar ao chou... Luis non sempre sabe por onde vou ir pero hai outros puntos que son milimétricos. Improviso como o fai un músico de jazz, coñecendo moi ben o instrumento e a canción.
-¿Para cando «Menú da noite»?
-Estréase en abril na miña terra, en Vilagarcía. Estou pelexando por traela a Santiago dun xeito moi especial pero, si pode ser, anunciareino.