O galpón da Tumbona

Quique Alvarellos

SANTIAGO

Fondo Isaac Díaz Pardo, Cidade da Cultura

O taller de Díaz Baliño na rúa das Hortas, 37

22 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado martes subín á Biblioteca da Cidade da Cultura. Acababa de abrirse ao público o fondo documental do artista e galeguista Camilo Díaz Baliño (Ferrol, 1889-Santiago, 1936), pai de Isaac Díaz Pardo. Consultei as fotografías orixinais que tamén, desde este mes, están accesibles na Rede, no magnífico portal Galiciana. Pero eu quería velas in situ.

E alí estaban. A historia gráfica atesourada durante décadas por Isaac. Xuntada primeiro no Instituto Galego de Información (ese edificio da memoria mutilada no alto de San Marcos), e un material cedido despois, para a súa clasificación, custodia e difusión, á Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura. Estaba diante de documentos únicos, dun dos arquivos máis importantes da memoria de Galicia do século XX. Entre eles, esta imaxe. O galpón da Tumbona en 1921.

A Tumbona é a casa de Camilo Díaz Baliño. Rúa das Hortas, 37. Onde nacería Isaac Díaz Pardo en 1920. Na horta posterior montárase este obradoiro de quen, en palabras de Luís Seoane, foi o máis importante escenógrafo de Galicia entre 1920 e o seu asasinato en agosto de 1936. (Hoxe, unha placa promovida polo Concello lembra no lugar estes feitos).

Chamábase a Tumbona polo argot da prostitución, pois no pasado seica pertencera ás que iniciaban ás meretrices no oficio. No edificio viviu a familia de Isaac toda a década dos 20 e inicios dos 30 (ata trasladárense á rúa Carretas). E por este taller pasou toda a intelectualidade galega de preguerra. Escribe Isaac, nun dos seus artigos publicados en La Voz no ano 2000: «Pola casa pasaron Castelao, Pedrayo, Picallo, Cabanillas, os Carré, Tafall, Bóveda, V. Casas, Valentín, Cotarelo... ademais dunha manchea de artistas, arquitectos, clérigos, frades, deáns e arcebispos».

A imaxe (que foi publicada hai anos nunha homenaxe a Isaac) reflicte unha típica xornada de traballo dos artistas. Nun letreiriño ao fondo, pendurado do teito, pode lerse «Trabajad en silencio». Pegado a esta foto, nun papel mecanoscrito, aparece este pé (pensamos que do propio Díaz Pardo): «No galpón que construíran na horta da Casa da Tumbona que servía de taller de escenografía. A fotografía é de 1921. O pai de Isaac, axeonllado, ten a Isaac no colo e sentada no chan a carón está a súa irmá Mercedes. En primeiro termo está Salvador, fillo de Xenaro, xastre e sacristán do Carmen de Abaixo, operario que traballou sempre con Camilo en Santiago».

En 1931 Ánxel Casal, acabado de chegar da Coruña, montaría aquí provisionalmente a imprenta e editorial Nós que logo fixaría no número 15 da rúa do Vilar. E neste galpón Camilo Díaz, que era delineante municipal dende 1927, faría tamén toda a propaganda do Estatuto de Autonomía do 36.

O documentalista Xosé Ramón Fandiño, que ten estudado a fondo a figura de pai (Camilo) e fillo (Isaac), afirma que «Camilo botou toda a súa vida, truncada aos 47 anos polo terror fascista, dedicada ao engrandecemento de Galicia». Este obradoiro nas Hortas, este galpón da Tumbona, é pois un dos nosos grandes espazos da memoria e a da autoestima colectivas.

editor@alvarellos.info