
O pianista ofrecerá o xoves no Principal un concerto no que presentará o seu disco «Once» e estreará temas do seu novo proxecto
14 feb 2017 . Actualizado a las 23:17 h.Xoves • 20.30 horas • Teatro Principal • 10 euros • Viu a luz a finais do ano pasado, pero mañá será a primeira vez que os composteláns poidan escoitar en directo Once, o último traballo do pianista Abe Rábade, acompañado por Pablo Martín (contrabaixo) e Bruno Pedroso (batería). Ademais, nestes días, o músico e compositor tamén empezou os ensaios para a estrea en xuño, no concerto de peche da temporada da Real Filharmonía, da súa obra Tempos velados, no que toma como punto de partida catro poemas.
-É o seu primeiro concerto en Galicia con «Once».
-Si, tendo en conta os últimos discos, é a primeira vez que o mostro antes fóra. É certo que cando presentei Simetrías, xa hai máis de doce anos, fíxeno na Habana; pero nos últimos discos, empezara aquí en Compostela e despois leveino a outros sitios. Esta vez foi diferente, porque fixemos unha xira de presentación en Madrid, A Rioxa, Sevilla e en Oporto. Entón, ven o disco rodado a Compostela, a miña cidade, onde é un concerto moi especial.
-Un título, «Once», no que alude aos discos que leva e tamén inclúe once temas, todos moi diferentes, dende a homenaxe a Paco de Lucía a «Gotas», a representación do son da auga. ¿Como se articula un traballo tan diferente?
-Os discos concíboos como traballos unitarios, como unha novela en capítulos. Hoxe a música consúmese de moitas maneiras e, incluso, os temas de jazz para moita xente serían demasiado longos, porque se marchan dos tres minutos e medio das radiofórmulas. Penso que poden coexistir en paralelo eses dous xeitos de consumir música. Para vivir neste mundo actual a base de «likes», debes ter visibilidade nas redes sociais e nun mundo como Youtube, entón, tes que facer algo en vídeo; pero o disco, sigo pensando que ten que ser algo lento e algo longo, de disfrute tranquilo. En Once hai varios temas en compás de once por catro. Entón, intentei ver nese título o aglutinante. É moi ecléctico, ten unha vertente lírica, outra faceta máis experimental e ten un tema de Antón Seoane, un dos míticos de Milladoiro, que abre o disco... Bebe dunha serie de fontes que son das que eu me nutro. Entón, cristaliza un pouco o meu gusto estético, que é moi variado.
-¿Queda aínda moito marxe para experimentar no jazz?
-Si, porque o jazz na súa xénese xunta a música clásica europea coa tradición africana, entón é unha pasada. Por iso, aos músicos de jazz nos parece que este é o caldo de cultivo idóneo para estudar outras culturas da música. Utilizando o símil culinario, o jazz son os fogóns nos cales se pode cociñar o resto de tradicións musicais. En canto a experimentación, sempre; a min a música é algo que me dá moito e que tamén recibe moito. É unha peza fundamental da miña vida. Os discos son a cristalización dunha época creativa.
-Volvendo ao concerto no Principal, antes dicía que será especial.
-O que o fai diferente, que é algo tamén moi jazzístico, é que tocaremos material novo, que é inédito, que está aínda sen presentar e sen gravar. Ímolo estrear no Principal en directo. É a maneira na que a min me gusta traballar, un proceso aberto no que o repertorio se renova, case vas nun disco a cabalo do seguinte. Imos renovando repertorio, intentando que cando cheguemos ao estudio estea suficientemente maduro para gravalo, pero tamén fresco para seguir tocándoo en directo.
-Agora que fala do futuro, en xuño participa nun proxecto conxunto coa Filharmonía, que estreará unha obra súa.
-É un proxecto moi especial, no que levo traballando os últimos dous anos. Con Tránsitos, a obra que interpretara tamén coa Filharmonía no 2015, e que foi gravada, era a primeira vez que me enfrontaba a un reto desas características. Esta é a segunda ocasión e métome nun reto maior, porque inclúe música vocal para dous coros -un de adultos, que será o Orfeón Terra Nosa, e un coro de nenos, que será o da Escola Municipal de Compostela-, máis a Real Filharmonía de Galicia e eu no piano. Para min, estes retos tamén supoñen un camiño de volta e inflúen na miña maneira de interpretar jazz e de concibir o trío, o cal é moi rico; nutre moito a música do trío. En Once, hai moito diso, porque hai temas que son reducións doutros que fixen para orquestra. Tamén aportan cousas a nivel conceptual, como o feito de organizar un concerto. Téñolle que agradecer a Paul Daniel a confianza depositada en min.