No curso 1967-1968 grupos organizados de estudantes solicitaban a apertura dun novo Réxime
14 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Meses antes de que os estudantes franceses pintasen Sous les pavés, le plage! (“Debaixo dos adoquíns, a praia”) ou berrasen polas rúas de París «Sede realistas, pedide o imposible», antes daquel Mayo francés está o Marzo compostelán. E estes días cumpre medio século daquela revolta xuvenil. Será pois, o 2018, un ano de evidente conmemoración, e Santiago deberá figurar no núcleo e inspiración de todos os actos. Porque, como ten estudado o historiador Ricardo Gurriarán, «os participantes neste movemento democrático foron o xermolo dunha ampla vangarda que conformou pouco despois toda canta iniciativa política se levou a cabo no país». (Extraído do libro Inmunda escoria, magnífica crónica das mobilizacións estudantís en Santiago, editada por Xerais en 2010).
Todo sucedeu no curso 1967-68. Grupos organizados de estudantes ?intuitivos, pragmáticos, con líderes carismáticos, promovendo sempre a acción común?, solicitaban a apertura dun Réxime que viña de nomear como vicepresidente do Goberno ao intransixente (por dicilo suave) Carrero Blanco. Por unha banda, actuaban os integrantes do Partido Comunista Español -ben os seguidores de Santiago Carrillo, ben os máis radicais, chamados chineses- tamén a Asociación Democrática Estudiantil (ADE), membros da UPG (creada catro anos antes) ou mesmo grupos de cristiáns comprometidos. Toda esta argamasa, mobilizada, creou unha situación sen precedentes.
O momento clave foi o sábado 9 de marzo: o encerro de varios centos de estudantes no que hoxe é a Facultade de Xeografía e Historia (daquela, sede do Reitorado). Alí se mantiveron pechados ata o seu desaloxo pola policía na madrugada do día 12: en total 730 universitarios e universitarias.
A imaxe que hoxe acompaña esta fotohistoria, recollida da citada obra de Ricardo Gurriarán, mostra a conferencia impartida por Armando López Salinas (Madrid, 1925-2014), destacado escritor e dirixente do Partido Comunista de España (PCE), na Facultade de Filosofía e Letras, durante aqueles mesmos días de peche. Salinas falaba aos concentrados dos dereitos humanos, e canda el tamén intervirán o comunista Xesús Alonso Montero, o socialista Enrique Barón ou o teólogo Miret Magdalena, entre outros.
López Salinas coñecía ben o noso pobo. O ano anterior, en 1967, mesmo publicara en Ediciones Península un libro titulado Viaje al país gallego, onde se afirmaba, por certo, que eramos «una de las comunidades nacionales más trabajadas por una contradictoria tradición de inmovilismo y de empuje revolucionario».
O Marzo do 68 compostelán rematou cunha intensa represión por parte do réxime de Franco, que expulsou, multou e/ou condenou a numerosos líderes das revoltas. Pero todo aquilo non foi en van, nin moito menos. Porque, como ben escribe Gurriarán: despois daqueles días «os cregos empezaron a sacar as sotanas, os profesores cambiaron hábitos autoritarios obsoletos, os pais e nais foron permeables ás demandas de liberdade dos seus fillos e fillas... En definitiva, quedaron as portas abertas á emancipación da mocidade galega, gañada por ela mesma».
Viva o 68 compostelán.