Lembra que estreou o emblemático tema «Grândola, vila morena» en Compostela
19 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.«Estamos nacendo. En decembro comezamos a legalizar a asociación co apoio, en poucos días, de moitas persoas en Compostela. E as actividades da homenaxe que organizamos na próxima semana foron acollidas con enorme interese tamén en Portugal, e vai estar aquí tres días unha delegación portuguesa. José Afonso -máis coñecido talvez como Zeca Afonso (Aveiro, 1929-Setúbal, 1987)-, figura internacional da música portuguesa, é lembrado pola súa actividade artística e como unha persoa comprometida, demócrata e solidaria. O parque que ten dedicado en Compostela é un recoñecemento importante, como as rúas co seu nome en Lisboa e en Setúbal», afirma Xulio Villaverde (Compostela, 1961), presidente Associaçom José Afonso-Galiza, constituída recentemente.
A presentación da entidade será cun concerto o día 27, ás 22.00 horas, na sala Malatesta da rúa san Lourenzo. Actúan artistas galegos (Uxía, Nao, Falua, Banda das Crechas, Do fondo do peto, Xico de Carinho & Manolo Bacalhau) e portugueses (Francisco Fanhais, Cais da Saudade e Tiago Fernandes). «Cando falamos do proxecto querían participar máis, e contaremos con eles para novas actividades», indica.
Xulio é técnico especialista en actividades culturais e artísticas, comisario de exposicións e relacións públicas. Promove esta nova asociación cultural «para contribuír a difundir o legado de José Afonso. A nosa idea é poder abrir co Zeca novos vínculos para a cultura galega, sobre todo a través da música e da literatura», acrecenta.
Resalta o concerto de José Afonso en maio de 1972 en Compostela, que vai ser especialmente lembrado a próxima semana: «non foi un concerto máis; foi cando cantou en público por primeira vez Grândola, vila morena, tema emblemático do 25 de Abril portugués; por iso lembraremos aquela actuación na mañá do domingo día 28 no parque José Afonso. Veu máis veces e deixou un impacto importante. Dixo que se sentía moi á vontade aquí, que talvez ninguén o entendese como o entendían na nosa comunidade. E recoñecía a nosa lingua», salienta.
Xulio insiste en que «o Zeca está moi vivo. Nas escolas debían ter máis presenza a súa música e a súa poesía, para que o coñecesen ben as xeracións máis novas. Porén, no ambiente musical, en especial en Portugal, continúa presente en distintos estilos, e grupos de rock e de pop interpretan novas versións de temas seus. Está recoñecido como un gran intérprete». Cita varias composicións de José Afonso, a quen non tratou persoalmente «aínda que coñezo á súa familia, e ao seu sobriño João Afonso, tamén músico e que mantén relación con Galicia».
Xulio viviu case 15 anos en Lisboa, onde foi dirixente e dinamizador do Centro Galego. «Estar no exterior tanto tempo inflúe na identidade. Antes era galego aquí e galego en Lisboa. Agora pasei a ser o portugués aquí, e sigo sendo galego en Portugal, porque é difícil que nun país de acollida che dean a súa identidade», di. O ano pasado regresou para a Compostela natal e, polos contactos que tiña coa Associação José Afonso de Portugal, á que pertence, decidiu promover aquí esta nova entidade.
Na traxectoria de Xulio Villaverde son constantes as relacións culturais entre Galicia e Portugal. Así, promoveu a Asociación de amizade das artes galego-portuguesa, que concedeu os premios Cuncas das artes, agora con sede en Figueira da Foz; as exposicións Itinera Stellae e Nadir Camiño de Compostela, que xuntaron a decenas de artistas galegos e portugueses; ou interpretou o Negra sombra, de Rosalía, nun acto da Fundação José Saramago de Lisboa.
Xulio Villaverde. Preside a Associaçom José Afonso- Galiza.
Homenaxe. A homenaxe da próxima semana comeza o día 26, cunha exposición na Casa das Crechas; o 27, cunha conferencia na Gentalha do Pichel e un concerto na sala Malatesta; e o 28, cun acto no parque José Afonso.