Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Unha pentafoto de hai un século

QUIQUE ALVARELLOS

SANTIAGO

CEDIDA

Un preciso xogo de espellos posibilitaba posar unha vez e aparecer logo con cinco perfís diferentes

11 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe imos falar dunha curiosidade fotográfica ben descoñecida. De todo un xénero, realmente: o das pentafotografías. En primeiro lugar, debo agradecer a cesión desta imaxe ao investigador e escritor Santiago Prol, que vén de publicar o libro Manuel Vidal, un presbítero ilustrado de Maceda (Academia Postal, 2018), unha sólida e ben documentada biografía deste crego ourensán, escritor e galeguista, que desenvolveu en Compostela, como catedrático do Instituto Xelmírez, a parte fundamental da súa carreira.

No citado volume (que foi presentado o pasado luns en Ourense) recóllese esta imaxe que trouxemos á nosa Fotohistoria. O retratado é Manuel Vidal Rodríguez quen, hai un século, quixo fotografarse dun xeito moi especial, para compór logo unhas postais de agasallo para as súas amizades. Así que non dubidou en viaxar a Madrid e facerse unha pentafoto.

No número 16 da rúa Preciados tiña as súa sede a autodenominada Casa de las Maravillas Fotográficas, o célebre estudio Photo Novelty. As pentafotos puxéronse de moda na Europa de finais do XIX e comezos do XX. Un preciso xogo de espellos posibilitaba posar unha vez e aparecer logo con cinco perspectivas ou perfís diferentes ollándose entre si. Era orixinal daquela e aínda afirmaríamos que o segue a ser un século despois.

Para quen queira ampliar datos, un berlinés chamado Heinz-Werner Lawo reúne na Rede, desde o seu blog en Berlín, estas curiosísimas imaxes, que en inglés reciben o nome de Fivefold, Five ways portraits ou Multiple photos, entre outros. O seu blog chámase Uneinsamkeiten-Unsolitudes (algo así como En compaña, ou Sen soidades). Entre os retratados por este sistema está tamén, por exemplo, o escritor Ramón Gómez de la Serna, sempre atento ao último...

Alumnos célebres

Como tamén o estaba Manuel Vidal. Vidal chegaría a Compostela no curso 1914-15 como profesor de Literatura ao daquela chamado Instituto Xeral e Técnico de Santiago (hoxe, Xelmírez I). Entre os seus centos de alumnos atopábanse, por exemplo, Domingo García Sabell, Isaac Díaz Pardo, Lois Tobío, Luís Seoane ou Manuel Antonio. Nada menos. Vidal participou directamente na creación das Irmandades da Fala en Santiago en 1916, escribiu ben interesantes relatos sobre o tema Xacobeo e compostelán, tamén pezas teatrais (representadas logo con decorados de Camilo Díaz Baliño); Castelao ilustrou en 1920 a capa dos seus Contos galegos d’antano e d’hogano... En fin. Abraiante currículo. (Por certo, dous títulos seus -Don Porrazo e Deixe que xa- foron rescatados e publicados facsimilares en Alvarellos Editora en 1985).

Manuel Vidal faleceu en Compostela un 3 de maio de 1941, no domicilio familiar da Carreira do Conde. Do esquecemento quixemos tamén sacalo nós, canda o seu biógrafo Santiago Prol, con esta ben orixinal pentafoto.

editor@alvarellos.info