María Sabell: «Notamos máis demanda para poder integrar cans de familia na sociedade»

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

SANDRA ALONSO

A especialista en conduta animal defende a liberdade dos cans en espazos públicos e no transporte, «coma noutros países»

18 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Aínda que nos últimos 30 anos aumentou moito a presenza de cans de familia, hai moito descoñecemento sobre o seu manexo, en parte pola falta de tradición», afirma María Sabell, especialista en conduta animal. Está entre quen reivindican hai anos unha mellor convivencia de cans e persoas, e destaca que «notamos máis demanda para poder integrar cans de familia na sociedade».

Iso ten diferentes manifestacións: «Hai dez anos, no 2008, constituímos o club de cans de familia Só lles falta falar. O obxectivo principal é fomentar a tenza con responsabilidade de cans de familia, para a súa plena integración na sociedade. Expuxemos as nosas reivindicacións cada vez que mudou o goberno municipal, sen éxito, pois os políticos non se dan conta das vantaxes que pode supor iso, parece que reclamamos cousas para as que aínda non están preparados».

Todas as peticións se resumen en que os cans podan andar ceibos en espazos públicos ou no transporte «como acontece en Francia, Alemaña, Noruega, Inglaterra e noutros países. Para iso terían que pasar unha probas e conseguirían un distintivo, un disco verde, que autorizaría a súa presenza neses espazos».

Sería voluntario. E esixiría esforzo, pois «agora mesmo penso que como moito un 10 % dos cans conseguirían o distintivo. Porque hai que os educar ben, para que saiban estar. E hai moito por facer, tamén por parte das persoas, que deben asumir que teñen que recoller os excrementos do animal, ou non permitir a súa conduta inapropiada nun restaurante ou noutros establecementos. Porén, se a xente se pon a iso habería poucos que quedasen fóra», di María.

Agora só se autorizan cans neses espazos cando asisten a persoas cegas, ou a outras que o precisan pola súa situación física ou sensorial. En Santiago, o club Só lles falta falar organiza actividades para colectivos de persoas con trastornos do espectro autista, síndrome de Down ou esclerose múltiple.

As persoas integradas no grupo aumentan: agora son 220 asociadas no club, que teñen 170 cans: «Ao viaxaren e ver o que acontece neses países asumen mellor a situación. Cando teñen o distintivo é que pasaron unhas probas que determinan que non van supor problemas para ninguén, e así son liberados desa especie de cadea perpetua á que están condenados aquí».

María interpreta que «os representantes políticos evidencian o mesmo medo hoxe que hai 20 anos, por temor á xente que está en contra; non valoran a cantidade de persoas que teñen can e están a favor da súa integración. Porque no 60 % das casas hai algún animal doméstico e a maioría dos que están contabilizados son cans». O que si aumenta son os locais públicos onde permiten a presenza dos animais, resalta.

«Ter un can non é cuestión de tamaño, ou de raza; é cuestión de educación, de saber ben como se deben manexar. Non é complicado ensinar a un can; iso non depende do animal, depende da persoa. A persoa é a que decide que can ten na casa e con que obxectivo; por iso aconsello que se tomen decisións antes de que o can entre na casa: que se pregunte, se pida asesoramento, se vexa, para prever e evitar problemas. Facer ese traballo previo de información evitará moitos problemas á persoa e tamén ao can», subliña.

María insiste en que «todos os cans pode pasar probas de carácter, para saber o que se mete na casa e o que se pode esperar del. O can na casa non ten por que ser unha sorpresa. As decisións sempre son das persoas. Calquera especialista en conduta animal debidamente documentado pode facer esas probas».

Especialista. María Sabell é especialista en conduta animal.

Club. O club de cans de familia Só lles falta falar está en www.cans.gal.

Actividades. Reivindican a socialización dos cans, e organizan paseos con cans pola cidade e polo monte.