Xaiver Ferreiro: «Recibimos uns 4.500 currículos para 360 ofertas de traballo»
SANTIAGO
Es el coordinador técnico de Talentia 2018, que se celebra hoy y mañana en Santiago
13 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Talentia 2018 ofrece hoxe e mañá no Palacio de Congresos posibilidades de emprego, formación e promoción profesional. Hai ofertas de enxeñerías, avogacía, tradutores, persoal sanitario e de ensino, dependentes de comercio, soldadores, electricistas, na hostalería e nos servizos, axuda do fogar, limpeza, teleoperadores, carniceiros, peixeiros, aprendices, e outras posibilidades. A maioría son en Santiago e nas comarcas próximas, pero tamén nas outras provincias galegas, afirma Xavier Ferreiro, responsable de emprego da Axencia Local de Colocación e coordinador técnico deste evento.
-Que pretende Talentia 2018?
-Queremos ser un encontro de referencia do talento e do emprego en Galicia. Fixemos unha campaña para a captación de máis ofertas de emprego que nun período normal e recibimos uns 4.500 currículos para 360 ofertas de traballo, houbo moito interese en participar. Para 67 deses postos xa se fixo unha selección de candidaturas e estamos á espera de respostas das empresas.
-Cal é a expectativa de participación?
-Neste momento [en referencia a onte pola mañá] temos inscritas, con compromiso de asistencia, máis de mil persoas para unha oferta moi diversa.
-Como é esa oferta?
-As empresas están a falar cada vez máis de plans de carreira, de retención de talento, de ilusionar e xerar novas dinámicas de incorporación do persoal ao proxecto empresarial. Hai unha mudanza no paradigma dos recursos humanos e das relacións laborais que estará en Talentia.
-Como vai estar iso en Talentia?
-De diferentes maneiras. Trinta empresas terán casetas onde presentarán proxectos de talento, farán entrevistas e outras dinámicas. Estarán experiencias de éxito noutras comunidades. Haberá oportunidades para que as persoas interesadas realicen probas de validación e acreditación profesional. Esa é unha innovación interesante. Ou adquirir coñecementos para realizar actividades profesionais, como requisitos para exercer en soldadura, riscos laborais, manipulación de carretillas, e outras que se esixen en determinados empregos.
-Que obxectivo ten a presenza de mentores?
-Esa é outra novidade que incorpora este encontro, a presenza de 26 mentores, que son profesionais acreditados de diversos sectores, que terán espazos para a orientación personalizada e sobre as posibilidades en sectores profesionais concretos.
-Hai aínda posibilidades de participar?
-Si, calquera persoa, se está en proceso de procura de emprego, poderá encontrar actividades de interese que non necesitan inscrición previa, como presentacións de empresas, ou de ofertas nos diversos locais de Talentia.