Falar de Pilar é dicir alegría. É lembrar a súa ollada limpa, proxectada dende eses ollos que Luís Seoane dicía «azul rías galegas», expresión que a ela lle gustaba tanto. Porque se algo había que a definía e identificaba era ser «galega». E iso que viviu boa parte da súa vida fóra do territorio galego, pero nunca deixou de ser aquela nena nacida na Chantada de inicios do século XX. De Pilar pódese dicir que foi unha pioneira en moitos planos da súa vida persoal e sobre todo profesional. Loitou polas súas conviccións, segura de si mesma, informada, estudosa atenta e tenaz. O Brasil, Angola, Mozambique, Timor... e sobre todo Portugal foron a súa segunda patria. E probablemente poidamos afirmar sen equivocarnos que foi máis recoñecida e querida na lusofonía ca na súa terra natal. Ela foi unha ponte entre os intelectuais dos tres continentes e os galegos e españois. Abriu portas á colaboración, propiciou amizades e diálogos que algún día terán que ser recoñecidos e postos en valor. Moitas das súas alumnas e alumnos descubrimos fascinados literaturas e culturas das que apenas escoitaramos falar. Sabía que da xente nova se pode aprender, que a ela é a quen lle hai que transmitir o legado e as ansias por cambiar as cousas para mellor. O seu foi un maxisterio innovador, aquel que conquistaba, que contaxiaba, que seducía.
Docente e investigadora carismática, fixo honor a seu pai (Daniel Vázquez Campo, deputado ás Cortes en 1931) co seu firme galeguismo; fixo honra á súa nai (Modesta Cuesta, unha das primeiras mulleres licenciada en Farmacia) en ser tamén pioneira, en ocupar espazo na esfera pública cando as mulleres só tiñan cabida no plano doméstico. Fixo honra á súa tía (Luísa Cuesta), a primeira muller matriculada en Dereito na Universidade de Santiago e directora da Biblioteca Nacional. Nunca o confesou, pero é probable que a ideoloxía feminista, a fortaleza e o exemplo desta súa tía contribuíra a facer dela unha muller adiantada ao seu tempo, loitadora e defensora dos seus ideais.
A súa traxectoria foi recoñecidas por premios como o Castelao ou o Doutor Honoris Causa da Universidade de Lisboa. Pero houbo máis silencio que agradecemento, sobre todo nos últimos anos da súa vida. Porén, a súa obra queda aquí connosco. E probablemente o mellor e máis perdurable dos seus contributos sexan as persoas que a puidemos coñecer e compartir con ela as súas gañas de vivir. Lembraremos sempre cada 25 de abril o seu entusiasmo, a súa alegría e o seu positivismo, mentres brindamos cun cravo vermello para que a liberdade siga guiando os pasos da nosa sociedade. Lembraremos que con ela soubemos de Miguel Torga, Saramago, Drummón de Andrade, Mía Couto, Manuel María, Blanco Amor, Neira Vilas, Celso Emilio Ferreiro, Bernardino Graña, Luz Pozo Garza... e tantos outros intelectuais cos que compartiu vivencias e loita a prol da dignidade dunha cultura, a galega, e da irmandade, entre as dúas beiras da raia, Galicia e Portugal, que configuraron a súa identidade máis fonda e máis auténtica. A súa semente deu froitos e queda por sempre connosco! Pode descansar en paz.