José Luis García García, alcalde de Brión: «Xa estamos a cumprir o que anunciamos na campaña»
SANTIAGO

O rexedor máis veterano da comarca revalida a maioría absoluta con oito actas das trece posibles
30 may 2019 . Actualizado a las 18:33 h.O bastón de mando do Concello de Brión só cambia de mans na etapa democrática o día que se fai a toma de posesión das corporacións, xa que a entrega faina a persoa de menor idade. E as mans que sempre o reciben son as de José Luis García García, rexedor que revalidou a súa maioría absoluta con oito representantes de trece (tres do Partido Popular e dous do BNG).
-Despois de tantas eleccións, cambia o sentimento de vitoria?
-A satisfacción é total, nin máis nin menos que a das outras veces. É unha alegría e responsabilidade moi grande, sobre todo tendo en conta que Brión é un concello no que medra moito o censo, e que os novos votantes revaliden unha maioría así despois de tantos anos é para estar moi contento.
-E cal vai ser o primeiro proxecto de peso do inminente mandato?
-Xa estamos empezando a cumprir o que fomos anunciando en campaña. Este luns tomamos o acordo para a redacción dun proxecto para un gasto dun millón de euros de fondos propios para dotar de asfaltado en quente as estradas principais do municipio, ata onde nos chegue. Tamén hai que sacar adiante o proxecto do novo auditorio, pero neste caso o procedemento de gasto é distinto, porque, aínda que temos os cartos, non se pode usar o remanente de tesourería porque ten que ser un proxecto con sostibilidade financeira. Pero xa demos pasos, e a ver se compramos neste ano a parcela que xa temos apalabrada.
-Na comarca de Santiago houbo cambios nos gobernos, pero mantense o que se ten chamado o cinturón vermello de alcaldes de esquerdas. Ata que punto pode influír esta realidade para acordos comúns e para as eleccións autonómicas?
-Estou convencido de que estando unidos podemos conseguir máis cousas. É unha grandísima noticia que o PSOE recuperarse a alcaldía de Santiago para tirar pola mesma corda. A min non me pareceu de moito sentido común, e así parece que o tomou a xente, que se falase da fusión de Santiago e Teo nun momento que non viña ao caso, cando faltaban 15 días para as eleccións. Estou seguro de que Bugallo falará con nós en canto teña as cousas un pouco perfiladas para, con este cordón vermello, facer forza entre todos para proxectos comúns e para que poidamos dar o salto e conquistemos a Xunta de Galicia. Desde este concello imos traballar con todas as forzas do mundo.
-Vostede ten compaxinado os cargos de alcalde con outras responsabilidades, como por exemplo na Deputación. Baralla outras posibilidades no futuro?
-Eu na campaña dixen que me presentaba á alcaldía e que non tiña máis aspiración que ser rexedor, e que só aceptaría calquera cargo que axudara a mellorar a vida dos veciños de Brión. Non sei se vou estar na Deputación. Tendo un cargo provincial en primeira liña estás mais informado de todas as cousas e axudas. Pero, por exemplo, non tería ningún sentido ir a unha Delegación do Goberno. Eu, como me sinto máis feliz é sendo alcalde, porque creo que ser alcalde do teu pobo, que os veciños te voten, é a felicidade máis completa.