Claudio Rodríguez Fer: «A relación de Valente coas artes vén da mocidade, entre os amigos tiña artistas»
SANTIAGO
O director da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da USC fala do escritor
19 nov 2019 . Actualizado a las 11:03 h.O Ateneo de Santiago acolleu onte unha conferencia a cargo de Claudio Rodríguez Fer, director da Cátedra José Ángel Valente da USC, que disertou sobre o concepto interartístico do escritor na charla «Valente e a unidade das artes», conferencia de título homónimo á exposición que dende a semana pasada alberga o pazo de Fonseca. «Tratábase de facer confluír palabra e imaxe», sinala o comisario da mostra, como nunha especie de chiscadela ao traballo do ourensán.
«José Ángel Valente é un dos poetas máis interartísticos e interdiciplinarios do panorama contemporáneo, pois conxuga na súa obra tanto a palabra, a poesía, narrativa e o ensaio como tamén as artes. Isto, ademais de estar reflectido na súa obra, tamén concita a colaboración entre o poeta e outros artistas, particularmente plásticos, pero tamén músicos e mesmo arquitectos», explica.
Conta que o camiño interartístico de Valente foi en sintonía cosas vangardas integrais das primeiras décadas do século XX. «Poucos poetas hai que colaboraran con tantos e tan importantes artistas, como é o caso de Tapies, Chillida ou Saura, e mesmo moitos galegos, como Leopoldo Nóvoa, que fixo un gran libro a partir da poesía galega de Valente», incide.
«A relación de Valente coas artes vén xa dende a mocidade. Cando el se estaba formando en Ourense, entre os seus amigos, moitos deles futuros escritores, tiña algúns artistas, por exemplo Virxilio, tamén representado na exposición cunhas obras dedicadas expresamente a Valente nas que se recrea o mundo compartido da xuventude», di Rodríguez Fer.
Sobre se hai unha visión reducionista da figura de Valente, o director da súa cátedra na USC di que, aínda que salientou sobre todo na poesía española, porque en galego publicou soamente unha obra (Cantigas de Alén), que fixo na súa etapa en Xenebra (Suíza), cando se reencontra alí cos emigrantes galegos e recobra a lingua que cultivara só na adolescencia. «Pero Valente abordou moitas temáticas diferentes», sostén.
Un conto, a consello de guerra
Facendo un repaso pola obra de Valente, Rodríguez Fer recorda que comezou cunha «poesía existencial moi fonda e perfecta na forma, que foi a que fixo no tempo que está en Madrid estudando a carreira e logo finalmente en Oxford, onde foi para a exercer como profesor. Logo, a partir de aí, evolucionará cara á poesía máis crítica, máis realista e satírica, na que combate todos os poderes, particularmente os da ditadura franquista». De feito, recorda, o mero feito de escribir un conto de tres páxinas valeulle ser sometido a un consello de guerra.
«Por fortuna, non se presentou no proceso, pero se volvía a España sería encadeado. O libro foi prohibido e queimado. Isto revela como a ditadura temía o potencial subversivo de Valente, exiliado en Xenebra. Non puido volver ata a morte do xeneral Franco. E despois iniciou unha nova etapa, en sintonía coa poesía mística, non só coa mística cristiá, senón tamén coa xudía e doutros moitos lugares, incluso do Extremo Oriente. Sen crer en ningunha relixión en particular, valeuse da profundidade da introspección mística para facer unha poesía enormemente radical e suxestiva na que se trataban os temas máis diversos, dende o erotismo a motivos cabalísticos. O seu retiro foi en Almería, e volvería moito por Galicia a presentar a súas Cántigas de alén e outras poesías», engade.
Rodríguez Fer fai fincapé no Valente como figura universal. «Hai teses doutorais sobre el feitas nos cinco continentes», apunta. E entre as súas múltiples dimensións estaba a galega, como ourensán e como estudante dunha carreira en Santiago, «cidade que amaba moito, tanto que legou todo o seu arquivo e biblioteca á USC, un dos tesouros máis importantes da nosa universidade e de Galicia», sinala o que foi o padriño do seu nomeamento como doutor honoris causa. «Sería de desexar que Galicia correspondese a esa querenza como Valente merece», conclúe.