Cabrita, Madriñán e Villamide, reflexións desde Galicia e Portugal no CGAC

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

A simultaneidade de tres exposicións temporais demostra a vitalidade do centro de arte contemporánea

30 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A arte galega e portuguesa atopan o seu punto de encontro na actualidade no Centro Galego de Arte Contemporánea, coa confluencia das mostras de Christian Villamide, Pedro Cabrita e Jesús Madriñán. Se as producións de exposicións temporais amosan a vitalidade dunha institución museística, e ao mesmo tempo reflicten as liñas de traballo e os intereses sociais e artísticos que se queren proxectar, o CGAC exhibe con claridade as seus sinais de identidade dentro dunha traxectoria que se remonta a 1993.

Galegos e portugueses son os protagonistas nestes momentos de mostras que teñen perspectivas e enfoques diferenciados. A última das inauguradas, a titulada I am light, de Jesús Madriñán (Santiago, 1984), presenta unha face contemporánea do Camiño a través dos retratos dos peregrinos que hoxe en día fan as rutas a Compostela. Nesta mostra, que forma parte da programación da Xunta de Galicia polo Xacobeo 21, o fotógrafo compostelán invita ao público a explorar, a través das súas imaxes, os rostros dos peregrinos. Son vintetrés retratos de camiñantes, individualizados, en parellas ou en grupos de tres. Ademais, a secuencia de retratos é punteada con fotografías de detalle das mensaxes escritas polos peregrinos en tarxetas, cartas ou mesmo pedras, de maneira que a mostra narra tamén un itinerario paralelo para os desexos, os anhelos e a procura persoal dos camiñantes. A mostra de Madriñán, que evita o documentalismo e o costumismo, pode verse no CGAC ata o 3 de marzo do próximo ano.

Comparte tempo no centro museístico compostelán, ata o 12 de xaneiro, a obra de Christian Villamide (Lugo, 1966), unha reflexión sobre a construción da paisaxe e os seus efectos, a través de trece pezas que configuran distintas instalacións, como Mont Ventoux, Parterres, Inhumación ou PERturbacións. Baixo o título de In Landscape Mode e cunha linguaxe plástica e visual multidisciplinar, a mostra de Villamide, comisariada por Paula Cabaleiro, invita a reflexionar sobre a distancia que as persoas adoitamos tomar fronte ao territorio que habitamos. A mensaxe do artista céntrase na paisaxe actual desde a escultura e as instalacións, «visibilizando escenarios ou non-lugares que chegamos a ocultar como sociedade» e invita a reflexionar sobre unha paisaxe en tensión, ilustrando o desapego e a violencia ao que se ve sometida pola acción humana. Villamide chega a ironizar sobre os artificiais encontros coa natureza.

A terceira exposición temporal que ofrece agora mesmo o CGAC, ata o 2 de febreiro do 2020, é Work (always) in progress, de Pedro Cabrita Reis, a primera individual do recoñecido artista lisboeta, un dos renovadores do panorama artístico de Portugal tras a Revolución dos Caraveis (1974), nun museo público galego. Comisariada por Susana González e polo director do CGAC, Santiago Olmo, a mostra de Cabrita ten un núcleo central cunha selección de máis de trinta pezas datadas desde o 2006 ata o ano actual, e dez máis realizadas especificamente para a ocasión. Empregando materiais industriais e obxectos atopados, este traballo de Pedro Cabrita «parece xurdir dun diálogo entre o gusto pola factura industrial do minimalismo e o tratamento e selección de materiais desde unha sensibilidade próxima á arte povera italiana», explican os organizadores da exposición, que ademais aporta una especial relación entre a obra e o propio contedor museístico obra do arquitecto portugués Álvaro Siza.