«As grandes institucións locais deberían ter políticas públicas propias neste ámbito»
SANTIAGO
A Coordinadora Galega de Organizacións Non Gobernamentais para o Desenvolvemento (ONGD), fundada en 1991 e integrada por 47 entidades, defende «unha visión dun mundo onde a equidade e a igualdade de oportunidades estean aseguradas, onde prevaleza a cultura da paz e as relacións estean baseadas na ética dos coidados e no principio de non discriminación, solidariedade e cooperación». Alejandro Quiñoá é o seu presidente desde o 2017.
-Como é a relación da Coordinadora co Fondo Galego?
-O Fondo é unha ferramenta moi útil para a cooperación, porque é capaz de aglutinar o esforzo solidario de moitos concellos, moitos deles pequenos, que se non fose por contar con este tipo de entidades, que aglutinan e coordinan, estaría facendo unha política de cooperación moito máis dispersa.
-Pesa moito o foro no financiamento das oenegés galegas?
-Para nós é un elemento complementario ás políticas públicas locais, que os concellos que teñen capacidade económica suficiente deberían desenvolver no marco das súas competencias, e a súa cuestión ética que implica sempre ter unha política pública de cooperación. Para nós o Fondo é moi útil a ese nivel. Insistindo en que debe ser complementario a outras políticas dos concellos e deputacións que poden ter iniciativas propias de cooperación.
-Como funciona agora a relación co Fondo Galego?
-O Fondo fai unha convocatoria de proxectos, que non é anual. Sería de agradecer unha maior previsibilidade nas convocatorias. Colaboramos tamén en moitas accións de sensibilización nos diferentes concellos onde o Fondo ten presenza. En breve difundiremos un estudo sobre a cooperación local en Galicia, onde facemos unha diagnose do estado actual e unha serie de recomendacións conxunta.
-Que propoñen para mellorar a situación?
-Defendemos unha política de cooperación pública, localista, municipalista e solidaria; e que sexa transparente, aberta e inclusiva. As grandes institucións locais deberían ter políticas públicas propias neste ámbito, e nós ofrecemos colaboración, de a precisaren.
-Destacaría algunha iniciativa?
-A Deputación e o Concello de Santiago foron as únicas institucións da Administración Local da provincia con convocatorias públicas de cooperación. O Concello da Coruña nos últimos anos non fixo convocatorias. A Deputación foi nos últimos anos a institución galega máis regular. Estamos aínda á espera do que decida o Concello de Santiago, pois non fixo a convocatoria de proxectos de 2019, cando tiña 120.000 euros nos seus orzamentos.