A homenaxe galego-portuguesa a Rosalía de «Convergências» pasa a durar un mes
SANTIAGO
Concertos, exposicións, ciclos de cine, fado, coloquios, teatro e presentacións literarias. Estas serán as fórmulas que empregue a Semana Cultural Portugal-Galicia Convergências, que un ano máis dilúe as fronteiras entre galegos e lusos con Rosalía de Castro como un dos fíos condutores. A programación comezou xa o día 8 en Braga e durarán ao longo de todo o mes, unha maior extensión na que reparaba onte o secretario xeral de Política Lingüística. «Os actos intensifícanse este ano polo feito de Braga ser Capital da Cultura europea», explicou.
Convergências, incidiu Valentín García, «supón intensificar as nosas relacións coa lusofonía que nos é máis próxima, que a do norte de Portugal».
«Rosalía é sempre o nexo de unión entre Galicia e Portugal porque digamos que alí é a figura que máis chama a atención, pola súa obra, pola súa vida e polo feito de ser unha muller tamén. De feito, ten en terreo luso a súa propia rúa e praza dedicadas. A temática rosaliana, á par que a do poeta João Verde, van a máis ano a ano, ao mesmo tempo que temos en cada nova edición unha maior presenza alí», destacou o secretario xeral de Política Lingüística, referíndose, entre outras moitas, ás actuacións de Amancio Prada, do grupo de baile Tequexetéldere xunto coa Escola Municipal de Artes Escénicas estradenses ou de Uxía.
Na recta final de Convergências, as actividades da semana cultural transfronteiriza chegarán aos concellos de Santiago e Padrón. A primeira delas terá lugar o venres 28, na Casa das Crechas, que acollerá o concerto de Sérgio Mirra Trio a partir das once da noite. Ao día seguinte, no Teatro Principal o trío compartirá escenario co Grupo Poesis dende as nove e media. E o 1 de marzo ás catro, na Casa Museo de Rosalía será a clausura, un «encerramento» musical no que intervirán, a maiores dos dous anteriores, o Grupo Canto D’aquí.