A gran estafa

Xabier Gutiérrez Carou PROFESOR DA USC

SANTIAGO

07 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando en setembro empece o curso, se a covid-19 afrouxa un pouco o paso, comprobaremos de novo nas facultades que, a pesar de que neste 2020 se perdeu un semestre escolar, non haberá cambios apreciables respecto a outros anos no nivel formativo dos neouniversitarios. É a consecuencia lóxica dunhas probas de acceso á universidade que se superan cunha nota mínima de 5... sobre un máximo posible de 14! Deste xeito, case un 90 % daqueles que afrontan a ABAU sae vencedor do singular combate: vale a pena organizar este complexo e custoso filtro para que o superen practicamente todos os candidatos? Non será só un modo de silenciar conciencias?

Non sería xusto levantar o dedo acusador só contra o profesorado: o do bacharelato podería xiralo contra os seus colegas que imparten na ESO, que á súa vez terían a opción de poñerse de perfil para que o frechazo alcanzase aos sufridos mestres de primaria e, se estes andan espelidos, ata chegase aos de preescolar: será que os nenos veñen a este mundo cunha formación deficiente?

O sistema educativo vai á deriva dende hai décadas por culpa dunha serie de políticos de diferentes partidos que optaron por rebaixar o nivel de esixencia para ocultar as devastadoras cifras do fracaso escolar en España. O ministro Wert tentou medir cal era a magnitude real do desastre implementando unha serie de reválidas que o levaron a unha defenestración aclamada unanimemente por políticos, proxenitores, profesores e estudantes: foi un linchamento xusto, pero non por querer implantar as probas, senón porque a medida do ministro contemplaba só a medición do baleiro formativo sen aportar realmente ideas, vontades e recursos para colmalo.

O próximo curso, e non será por culpa da covid-19, iniciará os seus estudos universitarios un significativo número de mozas e mozos condenados a un fracaso, que non comprenderán (superaron a ABAU!), causado por unha formación previa tan insuficiente que ata tal denominación semella hiperbólica. En setembro asistiremos, unha vez máis, a outra consumación da gran estafa da que os nosos estudantes son parte prexudicada, o cruel engano dun sistema educativo ineficaz perpetuado polos políticos, polos pais (voluntariamente alleos ao proceso formativo e educativo dos seus fillos), polos docentes (esgotados por unha loita continua que ninguén recoñece mentres a nómina segue a chegar puntual a fin de mes) e tristisimamente polos estudantes mesmos (vítimas e verdugos máis preocupados polo diploma que polo que o esforzo de obtelo estimula nas súas mentes e as súas almas): un sistema que cifra o seu grao de éxito na cantidade de titulados e non na calidade da súa formación, eco universitario daquela redución do fracaso escolar nos niveis educativos previos obtida a través dunha pertinaz poda das esixencias mínimas autoxustificada na perversión pedagóxica que confunde os medios cos fins e vende caixas baleiras envoltas en papeis multicolores.