Juan Soriano Barceló: «É unha sensación única botar a andar un proxecto co apoio da sociedade»
SANTIAGO
A horta en Marrozos dará traballo a seis persoas, catro delas con diversidade intelectual
16 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Leva once anos en Santiago, onde se fixo psiquiatra, e dende o 2016 é o presidente de Entrelampo, unha asociación que nace co obxecto de crear emprego para as persoas con problemas de saúde mental graves, o grupo con «peores taxas de ocupación» dentro da diversidade funcional. Juan Soriano Barceló (Castellón de la Plana, 1985), máster en neurociencias e en psicoxeriatría, traballa no Hospital Psiquiátrico de Conxo.
-Quen está detrás de Entrelampo?
-Convencín a varios amigos e compañeiras e decidimos fundar unha asociación, xa que nos pareceu unha figura xurídica de menor complexidade e que se adaptaba as nosas circunstancias persoais. A meta era crear nunha primeira fase empresas de economía social centradas no sector agroalimentario, viables e con alta visibilidade.
-Que van facer en Marrozos?
-Unha horta para plantar pementos de Padrón, xudías, cebolas, repolos… e dúas autóctonas: o tomate negro de Santiago e o grelo de Santiago, todo ecolóxico. Esperamos empezar en marzo para a campaña do verán.
-Con canta xente?
-O plan é dar emprego a cinco persoas, catro delas con diversidade funcional de tipo psíquico, e unha sexta persoa como técnico laboral en saúde mental. Na época da colleita da xudía e do pemento practicamente dobraremos o persoal.
-De onde procede o financiamento?
-O proxecto de Marrozos vén de longo, estaba maduro hai varios anos, porque as fincas as cedía Cáritas e gran parte da produción mercábaa unha distribuidora. Mais o proxecto parouse por temas burocráticos. Puidemos revivilo hai un par de anos grazas ao sentido común de varias persoas. Entón, decidimos ir a por todas.
-E por que é viable agora?
-Un dos puntos máis importantes, se non o que máis, foi a concesión este ano das axudas Leader dentro do Programa de Desenvolvemento Rural, que no noso caso xestiona a asociación Terras de Compostela. Sen esta axuda a horta de Marrozos non sería posible. E renovamos o convenio con Cáritas polas fincas.
-Pero tamén lanzaron unha campaña de micromecenado en Internet.
-Esta campaña fixémola para impulsar outro proxecto en Chantada dunha granxa de galiñas campeiras, unha iniciativa que se chama Xema e clara; porque o financiamento da horta de Marrozos conseguimos completalo con fondos propios.
-E como resultou a campaña?
-Pois xusto acabamos de lograr o mínimo de 30.000 euros vinte días antes do prazo establecido, unha esixencia da plataforma por onde encauzamos o micromecenado. En caso contrario, os cartos devolveríanse aos mecenas. É unha forma estándar que permite, entre outras cousas, comprobar a aceptación e viabilidade do proxecto.
-E non acaba aí.
-Non, porque agora dispomos de corenta días máis para intentar chegar ao importe óptimo, que son 86.000 euros, o que nos permitiría facer melloras na granxa e asegurar máis postos de traballo. Así que convidamos a todos a botar unha ollada a https://goteo.cc/ovoscampeirosxemaeclara
-Estarán satisfeitos?
-Para nós a sensibilización social xa é un éxito, e se conseguimos que a xente vexa o vídeo da campaña para que se faga unha idea do problema, estamos máis que satisfeitos. Certo que con esta acollida estamos impresionados, indica que aquí detrás pode haber algo grande. Botar a andar un proxecto deste tipo co apoio da sociedade é unha sensación única.